Acometen tarefas de limpeza nos ríos Castro, Lérez e Almofrei ao seu paso por Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Augas de Galicia está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Castro, Lérez e en dous dos treitos do río Almofrei, ao seu paso polo concello de Cerdedo-Cotobade.
Os traballos execútanse en distintos tramos destes ríos, en algo máis de 7,6 quilómetros de lonxitude, coincidindo co seu percorrido por distintas parroquias deste municipio.
As tarefas de conservación céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, os regos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, de competencia da Xunta.
Esta intervención contribúe á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.