Tres anos despois, retiran a estada da rúa Rosalía de Castro
Por Manu Otero
Residentes, comerciantes e peóns da rúa Rosalía de Castro ven ao fin a luz. Tres anos pasaron encerrados detrás dunha estada levantada para reformar a fachada do inmoble do número 1 desta céntrica vía. Unha obra eterna, repleta de contratempos en forma de crise de materiais, disolución da empresa e sobrecustos que colmaron a paciencia de todos os afectados.
"Por fin acabaron as obras esta semana, vese máis luz", recoñece a traballadora dunha óptica, que se sorprendeu esta mañá ao abrir a tenda e ver aos obreiros recoller a estada dunha obra que acabou sobre a bucina, porque a concesión para ocupar a vía pública concluía no mes de novembro.
"Só quedaban remates", recoñece a afectada aínda molesta pola longa duración dos traballos, que se reactivaron fai menos dun mes tras un longo tempo de parón.
Ademais das molestias típicas deste tipo de obras, os comerciantes víronse tamén afectados por unha caída de clientes derivada pola falta de visibilidade de rótulos e escaparates provocada por esta estada.
"Tres anos tiven que aguantar e agora que o quitan, teño que abandonar o local", confesa indignada a propietaria dun comercio de arranxos téxtiles.
Confesan os comerciantes que o volume de negocio caeu durante as obras, aínda que ao contar cunha clientela fixa e fiel puideron ir capeando o temporal. "Esperemos que agora si que veñan máis clientes, porque senón vai ser mellor non abrir", admiten na óptica.
As obras neste edificio comezaron antes da irrupción da pandemia da covid-19, prolongáronse de forma imprevista pola situación derivada da mesma, logo volveron alongarse polo peche da empresa e despois pola escaseza de materiais. En total, máis de tres anos nos que todos os negocios da rúa tivo que sumar os efectos negativos da emerxencia sanitaria aos derivados dunha estada que aparta aos clientes dos seus locais.
Fontes oficiais do Concello de Pontevedra xa confirmaran no principio do ano a PontevedraViva que a licenza se pedira no 2018 e logo dúas prórrogas, todas por razóns de forza maior e autorizadas.
A última prórroga tiña vixencia ata novembro do 2022 e, aínda que se prevía que os traballos terminasen antes, finalmente quedaron a só dúas semanas de esgotar o prazo.