Vilagarcía quere evitar que a presenza de valados nas rúas se eternice e lembra a necesidade de manter as fachadas en bo estado
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía está disposto a poñer couto á proliferación de valados nas rúas para protexer o paso baixo edificios que presentan danos e que as comunidades tardan meses en arranxar. O goberno local lembra, neste sentido, que dende 2008 está vixente unha Ordenanza municipal reguladora das medidas de conservación, de rehabilitación e seguridade de terreos, soares, construcións, edificios e instalacións, que marca a obriga dos propietarios de manter en perfectas condicións as súas fachadas. As sancións por non facelo poden ser elevadas, de 300 a 6.000 euros, e reiterables se non se dá cumprimento á orde de execución do concello. Nestes momentos, a administración local ten abertos 10 expedientes, que supoñen, a día de hoxe, 116.000 euros só por taxas de ocupación da vía pública, o que se suman varias multas.
Atallar o problema dos danos en edificios (normalmente por desprendementos, pero tamén por ameaza de ruína) non é doado, porque se trata de propiedades privadas. Cando son edificios con propiedade horizontal, para o arranxo non só entran en xogo as comunidades de veciños, senón tamén os seguros. Mentres eses trámites non se resolven, e para garantir a seguridade peonil e de tráfico, o concello opta por poñer valados, o cal implica o cobro de taxas de ocupación de vía pública á comunidade de propietarios ou propietario único. Pero dende o Goberno local advirten de que "unha cousa é ser comprensible cos prazos (acordo entre propietarios e seguro, contratación dun técnico, execución de obras) e outra que esa situación se eternice". Por iso, o Concello iniciou hai semanas unha inspección de todos os casos abertos e anuncia que será estrito no cumprimento da ordenanza.
Esta mesma semana, dous dos valados que estiveron presentes na rúa durante moito tempo en Rey Daviña xa foron levantados. Nos dous casos, despois de que se realizaran as obras de mantemento esixidas, de que o técnico da propiedade presentara o correspondente informe e de que os técnicos do concello comprobaran a non existencia de perigo.