Un Plan Concellos de 44 millóns no que "os pequenos son os que máis reciben"
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera, presentaron este mércores en rolda de prensa o Plan Concellos para o 2023 que será aprobado no pleno deste venres, demostrando que "somos unha administración comprometida cos concellos".
César Mosquera incidiu en que no goberno provincial "mantemos o compromiso con este plan e incluso incrementamos estes recursos" e destacou que con esta aprobación tan anticipada "os concellos xa poden planificarse".
Concretamente, segundo detallou a presidenta provincial, neste Plan Concellos "destinaremos 44 millóns de euros no 2023 repartidos en 3 liñas con criterios obxectivos". Así, na Liña 1, destinada a investimentos, irán 30,50 millóns de euros; na Liña 2, para amortización e pagamento de débeda e gastos, son 4 millóns de euros; e na Liña 3, de emprego, dotada con 9,5 millóns.
Nesta ocasión hai algunha novidades como son a posibilidade de traspaso de fondos da Liña 2 e 3 á Liña 1. Ademáis a Deputación desenvolverá o seu propio Programa de Política Activa de Emprego.
Segundo explicou Carmela Silva con este programa a Deputación garante aos concellos de menos de 50.000 habitantes a posibilidade de financiar a contratación de persoal municipal. Con esta iniciativa, o goberno provincial adáptase á nova reforma laboral, que acabou cos contratos por obra ou servizo determinado.
Agora, para que os concellos poidan realizar contratos, ao amparo do disposto na nova disposición adicional novena do texto refundido da Lei de Emprego: esta norma establece que as administracións públicas e, no seu caso, as entidades sen ánimo de lucro poderán realizar contratos para a mellora da ocupabilidad e a inserción laboral no marco de programas de activación para o emprego, cuxa duración non poderá exceder de doce meses.
O reparto dos fondos do Plan Concellos por poboación queda: no grupo 1, hai 37 concellos de ata 10.000 habitantes que se repartirán 19,9 millóns de euros; no grupo 2 son 14 concelos de entre 10.001 habitantes e 20.000 aos que destina 14 millóns de euros; e o grupo 3 está conformado por oito concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes, dotados cun total de 10 millóns.
"Os datos non menten: os pequenos son os que máis reciben", remachou Carmela Silva.
A presidenta provincial destacou que os concellos "entre 2016 e 2023 recibirán 340,7 millóns de euros só con este plan" e engadiu que estes fondos "ata agora serviron para financiar 2.913 obras, 1.400 actuacións de amortizacións e actividades e 7.007 empregos".
Por último, Carmela Silva insistiu en que o Plan Concellos "respecta á autonomía local" ao tempo que "permite que os concellos poidan desenvolver as súas competencias con recursos suficientes e garantir servizos e dereitos para a cidadanía en calquera lugar da provincia".
Relacionadas:
-
O pleno da Deputación aproba o Plan Concellos 2023 coa abstención do PP
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación presenta as axudas ás escolas de música e novos avances na transformación dixital dos concellos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Aprobados os orzamentos da Deputación para 2023
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O modelo de compostaxe da Deputación chegará á India da man da Fundación Vicente Ferrer
Por Oskar Viéitez |