A Deputación presenta as axudas ás escolas de música e novos avances na transformación dixital dos concellos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que a Xunta de Goberno aprobou este venres as axudas ás escolas de música da provincia. Son uns 90.000 euros para gastos de funcionamento de 25 entidades que presentaron solicitudes en dezanove concellos da provincia, "son mil euros máis que o ano pasado", apuntou a presidenta.
Carmela Silva sinalou que as escolas de música da provincia eríxense como dinamizadoras culturais e constitúen para o alumnado en xeral e, en especial, para o de idades temperás, o primeiro contacto con profesionais do ámbito educativo musical, que lles transmiten coñecementos e valores culturais, fomentan a práctica da música como afección ou maior dedicación e supoñen un elemento dinamizador no contorno social no que se sitúan.
Nesta liña, o incremento na nosa provincia de escolas de música que contan con autorización da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como a existencia dunhas 60 bandas de música na provincia de Pontevedra inscritas no Catálogo de grupos Pontegal da Deputación de Pontevedra, son mostra da importancia que eses colectivos representan para a cultura popular galega.
As axudas que se aprobaron este venres preséntanse en réxime de concorrencia competitiva, están destinadas a subvencionar os gastos correntes e de persoal necesarios no desenvolvemento das súas actividades docentes, e diríxense ás escolas de música dependentes das asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a formación musical e estean radicadas na provincia de Pontevedra.
CONCURSO
Carmela Silva tamén deu conta da convocatoria do concurso que lanza hoxe a Deputación a través de Smartpeme en colaboración coa Fundación Roberto Rivas, o II Concurso para o Desenvolvemento de Solucións Innovadoras a Retos, que nesta ocasión "está vinculado aos obxectivos da sustentabilidade, igualdade e emprendemento". As dúas mellores iniciativas terán un premio de 2.000 euros.
As persoas interesadas en participar poden apuntarse desde este venres e ata o 18 de novembro en http://smartpeme.depo.gal.http://smartpeme.depo.gal
SUBVENCIÓNS EUROPEAS
Por último, Carmela Silva informou que a Deputación de Pontevedra atópase en proceso de preparación dunha proposta para presentar ás subvencións destinadas á transformación dixital e modernización das entidades locais.
No marco desta convocatoria, que está dentro das liñas de financiamento do plan de recuperación, a administración provincial dispoñerá de máis de 2,5 millóns de euros, cos que se poderán realizar actuacións en concellos de menos de 20.000 habitantes.
Entre os obxectivos destas axudas, destaca a mellora da accesibilidade dos servizos públicos dixitais a cidadanía e empresas, a redución da fenda dixital, a mellora da eficiencia e eficacia das e dos empregado públicos, a reutilización dos servizos e solucións dixitais construídas ou a utilización activa das tecnoloxías emerxentes no despregamento de novos servizos dixitais.
Relacionadas:
-
Galinsect e Propplantae triunfan entre os 37 candidatos ao primeiro premio provincial de emprendemento
Por Redacción |
-
O pleno da Deputación aproba o Plan Concellos 2023 coa abstención do PP
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra, terceira provincia de España con máis proxectos de rehabilitación aprobados co Plan Pirep
Por Redacción |
-
Un Plan Concellos de 44 millóns no que "os pequenos son os que máis reciben"
Por Oskar Viéitez |
-
A ministra de Cohesión Territorial de Portugal prepara en Pontevedra o vindeiro cumio ibérico
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Valoran coma "éxito rotundo" os máis de mil encontros de traballo mantidos polo sector turístico da provincia en Sevilla e Bilbao
Por Redacción |