A Boa Vila celebra o Día Internacional contra o Cambio Climático cunha carpa chea de iniciativas
Por Redacción
Baixo a premisa de loitar a prol dun mundo sostible, a Deputación de Pontevedra celebrou un ano máis o Día internacional contra o Cambio Climático. Fíxoo coa instalación dunha carpa nos exteriores do Pazo provincial, na avenida Montero Ríos de Pontevedra, que albergou cinco postos dedicados a distintas iniciativas promovidas pola Deputación relacionadas co desenvolvemento sostible, a posta en valor do patrimonio natural e cultural da provincia ou a fixación de poboación nas zonas rurais.
Ademais, as persoas que se achegaron á carpa puideron desfrutar dunha degustación de produtos destacados da provincia da man do CEIFP Carlos Oroza, que confeccionou un menú degustación con petiscos salgados e doces -elaborados con mexillóns, tomates da súa horta ou cogomelos- maridado con bebidas elaboradas tamén polo alumnado do centro.
Os programas “Bosques Terapéuticos” e “Voando nas Rías Baixas” foron os protagonistas dun dos expositores no que se amosaron varios vídeos e fotografías dos baños de bosque e das rutas ornitolóxicas realizadas nos últimos anos. Na carpa tamén se difundiron as accións que están a piques de poñerse en marcha en colaboración con diferentes entidades.
Os postos tamén estiveron dedicados á concienciación da redución da pegada hídrica na provincia na que traballa a Federación Galega de Medio Ambiente (FEGAMA) e á loita contra o desperdicio alimentario que leva a cabo a Asociación de Desenvolvemento Rural ODEGA.
Tamén xiraron en torno ao uso sostible da enerxía e dos recursos que realiza a Asociación Vento Noso e ao estudo sobre os usos alternativos dos sistemas agroforestais que está a realizar a Misión Biolóxica de Galicia para obter productos de alto valor engadido
Todos estes expositores contaron con paneis informativos e material divulgativo polo que se interesaron as persoas que asistiron a este evento, que se completou co reparto de botellas de cristal reutilizables, botes de marmelada e mel, imáns, bolsas de tea, camisetas do programa “Na casa non quedo” ou sobres con sementes das variedades locais xeradas na Misión Biolóxica.
Relacionadas:
-
A Misión Biolóxica de Galicia alíase con produtores, cociñeiros e formadores para divulgar os seus bancos de xermoplasma
Por Redacción |
-
Enxeñaría Forestal estudará como incentivar os propietarios para que adapten os montes ao cambio climático
Por Redacción |
-
No IES As Bizocas cren que "debe haber outro xeito de vivir"
Por Oskar Viéitez |