Os patinetes que superen os 25 km/h necesitan permiso de circulación, matrícula e seguro
Por Redacción
Non todos os patinetes eléctricos deben ser definidos como vehículos de mobilidade persoal (VMP) e, por tanto, están exentos da autorización administrativa para a circulación.
Así o advirte o xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Pontevedra que, nunha sentenza que xa é firme e contra a que non cabe recorrer, conclúe que os patinetes que superen o 25 km/h deben ser considerados como ciclomotores.
Desta forma, para poder circular con eles, os seus propietarios deben ter permiso de circulación, contratar un seguro obrigatorio e matriculalos, sentencia o xulgado pontevedrés.
Faino tras desestimar o recurso interposto polo dono dun patinete eléctrico contra a resolución do Concello de Vilagarcía que, o 13 de outubro de 2021, ordenou inmobilizar o seu patinete por entender que se trataba dun ciclomotor e non dun VMP.
Desta forma, a maxistrada decretou que o recorrente deberá abonar as taxas correspondentes -77 euros- para retirar o patinete eléctrico dos depósitos municipais.
Na sentenza, a xuíza estima que o vehículo que usaba no momento da denuncia "alcanzaba e era hábil para superar o 25 km/h", que segundo engade "é o que conta para os efectos da tipicidad da conduta".
“Resulta indiferente coñecer a velocidade exacta á que circulaba o dispositivo ou a máxima que poida alcanzar, sendo suficiente probar que se excederon ou que se acha en disposición de circular a velocidades superiores a 25 km/h”, recalca a maxistrada no fallo.
Incide en que, nestes casos, o tipo infractor consiste en conducir un vehículo carecendo da necesaria autorización administrativa "e non facelo a unha determinada velocidade".
Por iso, conclúe que o patinete empregado polo demandante, debido á velocidade que pode alcanzar, non está comprendido nos vehículos definidos como VMP.