Xa podes escoitar o primeiro programa de 'ConéctaTEC' , outro dos podcast que se incorporan ás propostas de PontevedraViva Radio e que pretende achegar coñecementos e seguridade sobre a contorna dixital. Arrincamos cunha cuestión prioritaria: os contrasinais. "É un tema básico pero fundamental e onde a xente aínda que pareza mentira, segue tendo moitas dúbidas", di o noso adestrador tecnolóxico, David López Pazos.
Hai contrasinais para acender un dispositivo móbil, para abrir o correo electrónico, para aplicacións ou nas nosas redes sociais. "É como a chave da casa. A porta ten unha para abrir ou pechar e que non entre ninguén, así que hai que usalas". Es das persoas que usan 1234 como contrasinal', o teu nome?, ou por exemplo: pontevedra?; prestas os teus dispositivos aos teus fillos e téñena memorizada?, calquera destas respostas afirmativas significa que necesitas escoitar XA este novo podcast.
Tras a primeira cuestión, a seguinte: repites os teus contrasinais? se tamén é un si, estás a cometer un grave erro e David López explíca por que, que debes facer para non volver cometelo e trae ademais algunhas ferramentas que serán útiles ao respecto. E isto é só o primeiro programa, así que, poñémoscho fácil: 'ConéctaTEC'.
Escríbenos ao correo electrónico info@pontevedraviva.com se queres que levemos ao seguintes podcast unha dúbida ou tema de interese relacionado coa contorna dixital.