![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/907/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6349d5131c-foto-premio-extremadura-1.jpg)
© Deputación de Pontevedra
Carmela Silva recolle en Cáceres o "I Premio Sumando Igualdad Charo Cordero"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/4b6/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6349d4d708-foto-premio-extremadura-2.jpg)
© Deputación de Pontevedra
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recolleu este venres en Cáceres o primeiro "Premio Sumando Igualdad Charo Cordero" como recoñecemento "a súa longa traxectoria na loita feminista e para visibilizar o seu traballo pola Igualdade desde a política".
Ao acto de entrega do premio asistiron, entre outras autoridades, o presidente da Junta de Extremadura, Guillermo Fernández Vara, o ex presidente Juan Carlos Rodríguez Ibarra, o alcalde de Cáceres Luis Salaya e a consejera de igualdade da Junta, Isabel Gil.
Estes galardóns levan o nome da ex presidenta da Deputación de Cáceres, Charo Cordero, falecida o pasado ano, unha das mulleres referentes no Estado na loita contra as desigualdades, no traballo para favorecer a presenza das mulleres ou no impulso de políticas no eido do reto demográfico.
A entrega celebrouse no Auditorio do Complexo Cultural San Francisco da cidade extremeña no que a presidenta provincial recibiu un dos tres premios "Sumando Igualdad", que tamén recaeron na Escuela Feminista Rural Valle del Jerte e na investigadora Laura Muñoz Encinar polo seu traballo en prol dos dereitos humanos
Carmela Silva mostrou a súa emoción ao recoller este galardón. "É unha grande honra recibir este premio que leva o nome dunha muller que eu tanto admiraba. Ao longo da vida profesional ou persoal podemos recibir algúns recoñecementos, dixo, pero este é para min moi especial".
A presidenta da Deputación de Pontevedra, que agradeceu expresamente a presenza do presidente da Junta Fernández Vara e do ex presidente Rodríguez Ibarra, dedicou o premio "a todas as mulleres feministas que construíron o proxecto da igualdade que é o máis revolucionario que nunca existiu".
Carmela Silva tamén valorou que o Premio chegue de Extremadura xa que, segundo subliñou, "na Deputación de Pontevedra defendemos as políticas de igualdade como un eixo central na toma de decisións. É moi importante que se nos recoñeza e que amais se faga nunha comunidade e nunha provincia como Cáceres onde levan tanto tempo desenvolvendo políticas coas que as mulleres están no centro".
Na súa intervención, Carmela Silva fixo unha homenaxe a Charo Cordero, que dá nome aos Premios, "á compañeira e amiga con quen tanto compartín", e lembrou as palabras que definiron a ex presidenta provincial de Cáceres "cando dicía que sempre hai tempo para darlle vida aos soños". "Era unha muller única que cría profundamente nos dereitos das persoas e que defendía as políticas de igualdade para que as mulleres ocupásemos os espazos".
Carmela Silva rematou a súa intervención cunha das frases que sempre caracterizaron á ex presidenta falecida: "non deixemos nunca de soñar que se pode construír un mundo mellor".
Relacionadas:
-
Pontevedra será sede do cume sobre políticas de igualdade das deputacións
Por Redacción |
-
Chelo Loureiro, Paula Cons e Lucía Catoira, premios "Mulleres no foco 2022"
Por Redacción |
-
Carmela Silva, premio #MujeresImparables, reclama no congreso de Rota a recuperación da axenda feminista
Por Oskar Viéitez |