![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/090/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/633add1722-foto-caceres-2.jpg)
© Deputación de Pontevedra
Pontevedra será sede do cume sobre políticas de igualdade das deputacións
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/df9/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/633adcfb77-foto-caceres-grupo.jpg)
© Deputación de Pontevedra
O próximo 27 de outubro, a provincia de Pontevedra será o escenario do cumio das Deputacións de todo o Estado para analizar as políticas de igualdade que están a desenvolver as institucións provinciais. A presidenta Carmela Silva pechou este luns na reunión en Cáceres do Pleno de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias os detalles do encontro en Galicia no que a Deputación de Pontevedra será anfitrioa.
No cumio, ao que asistirán presidentas, vicepresidentas e deputadas de Igualdade de toda España, poranse en común as boas prácticas que se están a realizar en diferentes puntos do territorio en relación coa Axenda da Paridade, co obxectivo de establecer sinerxías e traballo conxunto para que estas accións se poidan exportar a outros puntos do Estado onde aínda non se están aplicando.
Carmela Silva mostrou a súa satisfacción porque sexa a provincia a que acolla este encontro “porque falamos dun territorio onde as políticas para reivindicar á metade do mundo son prioritarias. Queremos poñer en común as nosas experiencias e consideramos que é o momento de dar un paso máis. É a hora de que o mundo local faga oír a súa voz cando somos as institucións que máis e mellor estamos pelexando pola causa máis xusta que é a paridade”.
O formato da xornada será de mesas redondas nas que se analizarán as experiencias en diferentes puntos do territorio para implantar a axenda da igualdade. De feito, cara a este encontro estatal, a Deputación dispón xa dos resultados dun traballo previo de recompilación das medidas e actuacións adoptadas polo resto das institucións provinciais do Estado que se exporán por parte das participantes na xornada.
Na sesión, tamén se falou do reto da Ciberseguridade e dos estudos que está a facer o Estado para a creación dun SOC, Centro de Operacións para a Seguridade. Trátase dunha rede de seguridade nacional que incluirá ás Deputacións e aos concellos das súas áreas de influencia. A Deputación de Pontevedra inicia xa o procedemento cunha reunión inmediata co Centro de Criptoloxía para definir os pasos a seguir e tomar decisións para que a institución e os concellos de menos de 50.000 habitantes poidan formar parte da Rede, que contará con fondos europeos polo que a Deputación presentará o seu proxecto.
No pleno tamén houbo boas e importantes novas para o mundo local respecto aos fondos estruturais 21-27. A secretaria xeral de Fondos Europeos, Mercedes Caballero, confirmou na reunión que España está a defender que as Deputacións poidan xogar un papel relevante á hora de xestionar fondos sobre todo en concellos de menos de 20.000 habitantes. A presidenta Carmela Silva aplaudiu esta nova posición do Goberno central, “esta aposta polo mundo local ao contrario do sucedido cos anteriores fondos onde, por exemplo, as institucións provinciais non tiñan a capacidade de participar nos EDUSI”.