A humanización da PO-308 en Portonovo farase en catro fases
Por Redacción
Os traballos para humanizar a estrada PO-308 ao seu paso por Portonovo, convertendo o vial nun bulevar urbano, vanse a realizar en catro fases para tratar de minimizar as molestias que estes traballos van provocar inevitablemente aos residentes.
É a proposta que fixo a empresa Oresa Construción e Servizos Globais, que é a que logrou a mellor puntuación no proceso de licitación impulsado polo Concello de Sanxenxo. Asumirá estas obras por 2.319.450 euros.
A Xunta financiará o 70% do custo da actuación e o Concello o 30% restante.
A empresa comprométese a realizar a actuación tendo en conta que o vial constitúe unha arteria de tráfico en Portonovo e no que os accesos a colexio, mercado de abastos e vivendas, así como negocios presentes nesta estrada, estarán garantidos.
Así, ademais de dividila en fases, proxecta reducir o período de execución, fixado inicialmente en quince meses. Estiman que poderán completala dez semanas antes dese prazo.
A obra, que terá unha garantía de cinco anos, centrarase nun tramo de 810 metros e o obxectivo é conseguir que nesta vía gañen protagonismo as persoas fronte aos vehículos.
Para iso, delimitaranse os espazos, habilitando un tramo peonil accesible dun ancho mínimo de dous metros, zona de tráfico cun carril para cada sentido, aparcamento e zonas de carga e descarga, así como espazos de descanso con xardinería para a súa humanización.
Para contribuír a reforzar a seguridade viaria e facilitar a fluidez do tráfico, o proxecto contempla habilitar dúas glorietas, unha de 23 metros de diámetro e outra de 27,5 metros, na intersección coa Rúa Areal e no cruzamento da Perla.
O proxecto tamén inclúe actuacións paisaxísticas, a renovación dos servizos de telefonía e electricidade, que pasará a ser soterrados eliminando os actuais tendidos aéreos, ou a renovación das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e de iluminación pública.
Relacionadas:
-
A humanización da estrada PO-308 en Portonovo, un paso máis para mellorar a experiencia turística de Sanxenxo
Por Redacción |
-
A obra do bulevar de Portonovo paralizarase desde o 30 de xuño ata o 3 de setembro
Por Redacción |
-
Beirarrúas e o lastro do pavimento, próximos pasos na creación do bulevar de Portonovo
Por Redacción |
-
Test para o tráfico rodado na PO-308 en Portonovo cunha nova rotonda e tres illotes temporais
Por Redacción |
-
Sanxenxo quere comezar as obras do bulevar de Portonovo antes de final de ano
Por Redacción |
-
A humanización da PO-308, unha profunda transformación do centro de Portonovo por 2,3 millóns
Por Redacción |