Pneumólogos que participan nun congreso médico visitan o proxecto pioneiro de reforestación levado a cabo en Borela
Por Oskar Viéitez
Un congreso médico da Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR) ofrece dentro das actividades divulgativas a visita ao proxecto de reforestación posto en marcha no municipio de Cerdedo-Cotobade por CO2 Revolution e Forestalis.
Unha delegación de médicos de toda España que participa nesta actividade foi recibida este martes polo alcalde en funcións, Fernando Vázquez, e o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, José Manuel González.
Fernando Vázquez deulle á benvida á delegación de médicos neumólogos e cirurxáns torácicos e fíxolles unha pequena introdución sobre os principais atractivos turísticos dos que dispón o municipio enxalzando de xeito especial a rica e variada paisaxe natural, as praias fluviais, as rutas de sendeirismo, os foxos do lobo, o turismo termal dos Baños do San Xusto, as carballeiras, a arte rupestre e, especialmente, a gastronomía.
Posteriormente, e acompañados por varios membros de comunidades de montes adheridas a este proxecto de repoboación forestal, os galenos foron levados en autobús ata a plantación que se está a levar a cabo nos montes comunais de Borela onde puideron contemplar o proceso de recuperación dun espazo que foi vítima consecutiva de dous incendios que provocou un grave deterioro medioambiental.
Segundo lles explicaron técnicos forestais encargados de levar a cabo a reforestación, o proceso de recuperación é lento e traballoso e comeza coa plantación de pinus pinaster, o pino galego, coa intención de recuperar os nutrintes do chan e fixar a vexetación para que en anos sucesivos e a medio e longo prazo se poidan asentar especies frondosas cun mínimo de garantías de supervivencia.