O Pleno do Consorcio Provincial Contra Incendios aproba un orzamento para 2023 que ascende aos 3,9 millóns de euros
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Consorcio Provincial Contra Incendios e de Salvamento, adscrito á Deputación de Pontevedra e participado ao 50% coa Xunta de Galicia, disporá en 2023 dun orzamento de 3.913.300 euros para a prestación do servizo, cun 0,45% de incremento respecto ao ano 2022.
Este martes celebrouse un pleno extraordinario no Pazo Provincial que aprobou de xeito provisional e sen ningún tipo de obxección este orzamento cuxo expediente se incorporará para ser tramitado co orzamento xeral da Deputación no pleno do vindeiro día 21 de outubro.
O pleno estivo presidido pola presidenta provincial, Carmela Silva, e contou coa asistencia do Director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva. SIlva destacou a "boa relación" e "colaboración exemplar" entre Xunta e Deputación de Pontevedra, "sempre aprobamos todo por unanimidade e tomamos decisións, algunhas complexas como pasar da xestión indirecta á directa, de mutuo acordo".
As palabras da presidenta foron ratificadas polo Director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, quen destacou "que todo se fai por consenso, sempre a partes iguais as dúas administracións" e cualificou de "fundamental garantir este servizo público en toda a provincia, tanto en momentos ordinarios como nos extraordinarios, como foi neste verán cos incendios forestais onde o Consorcio funcionou moi ben".
Este orzamento é o segundo desde o cambio de modelo neste servizo á xestión cen por cen pública. "Á xente satisfaille escoitar que podemos estar de acordo, que compartimos ao 50% un consorcio e que as cousas funcionan ben", engadiu a mandataria provincial.
Segundo valoraron dende a Deputación "trátase dun orzamento equilibrado, que dá continuidade ao do pasado ano e cunha variación á alza, nos ingresos, produto do incremento da recadación pola contribución especial de UNESPA", ou Unión Española de Entidades Aseguradoras e Reaseguradoras, a asociación empresarial que agrupa as entidades aseguradoras de España.
A presidenta da Deputación sinalou que o orzamento "contempla todo o que é necesario para o bo funcionamento do Consorcio".
Carmela Silva subliñou tamén que "estamos a piques de que remate todo o procedemento para tomar decisións de cara ao futuro" e enxalzou "a relación sindical que nos permite que tamén as traballadoras e traballadores formen parte do proceso".
No orzamento de 2023 as achegas da Deputación e Xunta de Galicia serán de 963.500 euros cada unha das administracións, sendo o Capítulo 1 o principal gasto do Consorcio, o 79%. No capítulo de investimentos, a solvencia económica do Consorcio permitirá enfrontar sen maiores dificultades calquera contratación do servizo de mantemento e xestión xa que, segundo o avance da liquidación de 2022, ten actualmente un remanente de tesourería para gastos xerais de 4.744.139 euros. Con cargo a este remanente poderán realizarse as modificacións e suplementos de crédito para financiar os investimentos que resulten necesarios ao longo do exercicio.