Carmela Silva presenta o último orzamento deste mandato na Deputación aínda que está segura de que presentará máis no futuro
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o vicepresidente, César Mosquera, presentaron este xoves o orzamento da administración provincial para o ano 2023 que aumenta nun 6,55% con respecto a 2022 e que supón poñer a disposición da provincia un total de 187,35 millóns de euros ao sumar aos 181,63 millóns do presuposto os 5,72 millóns de remanentes deste ano.
Carmela Silva informou que a Deputación de Pontevedra aprobará no pleno extraordinario do próximo día 21 este orzamento que "é o último deste mandato pero, querido vicepresidente, eu estou segura que imos aprobar máis orzamentos no futuro", dixo. Respondéndolle Mosquera "partido a partido".
Trátase do orzamento "máis ambicioso" de toda a historia da institución e, en palabras da presidenta Carmela Silva, "está pensado, elaborado e moi traballado para dar respostas aos concellos e á cidadanía nun contexto tan complexo como o que nos atopamos".
Pola súa banda, o vicepresidente, definiu as contas como "ambiciosas, expansivas e prudentes", e subliñou que o capítulo que máis medra é o dos investimentos, que pasa de 12 a 17 millóns de euros (un 33,1%) e que, como nos anos anteriores, segue sen haber fondos de libre disposición para a presidenta e máis el.
O orzamento de 2023 é "claramente progresista" e, como dixo Carmela Silva, "dá resposta a promover e garantir dereitos e servizos vivas onde vivas, un orzamento que se asenta na Axenda 2030, na Axenda Urbana e na dinamización económica, cultural e social da provincia".
O Plan Concellos aumenta ata os 44 millóns de euros en transferencias directas, un millón máis que no 2022 destinado especificamente aos municipios de menos de 20.000 habitantes. Amais dos recursos do Plan Concellos hai outras accións destinadas tamén aos municipios que suman outros 24,85 millóns.
Segundo Carmela Silva "estas cifras revalidan á Deputación de Pontevedra como a institución provincial que máis recursos transfire ao territorio cun 33,7% cando a media do Estado está no 17% e en Ourense non chega ao 0,5%". Tamén salientou que dende a chegada do PSOE e o BNG ao goberno da Deputación de Pontevedra destinaron aos concellos 327 millóns de euros, recordando que "a Xunta dedica cada ano 112 millóns de euros aos concellos de toda Galicia, polo que o esforzo que temos feito é incrible, é extraordinario, nin o soñaban os concellos no 2015".
A presidenta provincial engadiou que a este "grande orzamento" faltan por sumar os recursos da Unión Europea, xa que contemplan acadar no 2023 o equivalente a un orzamento adicional para a provincia, con 60 proxectos en marcha e 25 millóns de euros en estudo para impulsar iniciativas centradas na transición verde e dixital como retos principais.
César Mosquera tamén destacou que os orzamentos vanse aprobar "máis rápido ca nunca" grazas a que a Deputación está a funcionar politicamente "de maneira pacífica e sen problemas", consecuencia da "experiencia" e de que o goberno bipartito "está asentado en bases sólidas acordadas en 2015".
Relacionadas:
-
Carmela Silva insiste en negarse a presentar o orzamento no Parlamento "por unha cuestión de principios"
Por Anxo Lourido |
-
Aprobados os orzamentos da Deputación para 2023
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PP rexeita os orzamentos "antiprovincia" da Deputación porque "deixan orfos aos concellos e aos veciños nun ano negro"
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Rexeitamento do PP ao orzamento da Deputación porque "para os concellos só destinan a pedrea"
Por Oskar Viéitez |
-
Agardan materializar no primeiro semestre de 2023 a transmisión da titularidade do Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería
Por Oskar Viéitez |
-
O Pleno do Consorcio Provincial Contra Incendios aproba un orzamento para 2023 que ascende aos 3,9 millóns de euros
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |