Cacabelos convida ao canciller alemán, Olaf Sholz, a volver a visitar O Grove
Por Oskar Viéitez
O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, mantivo un encontro este mércores, durante o cumio hispano-alemá celebrado na Coruña, co canciller alemán, Olaf Scholz.
Nunha das reunións mantidas de Sholz co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, o xermano comentoulle que pasara un verán os anos 80 nun pobo galego aprendendo castelán, que resultou ser o concello do Grove.
Por este motivo o alcalde meco desprazouse ata a cidade herculina para reunirse co canciller, onde o agasallou cunha réplica da estatua da familia mariñeira que está situada na Praza do Corgo e cun cadro de Carlos Besada, feito expresamente para a ocasión, no que se pode ver a paisaxe do Grove, da ría e da illa de A Toxa.
Cacabelos convidou a Olaf Sholz a visitar O Grove "en canto teña ocasión" asegurándolle que "o acolleremos da mellor forma, tomando un bo albariño e probando o mellor marisco".
"Durante os anos 80 e 90 moitos alemáns visitaban o Grove durante o período estival para estudar castelán na Academia Atlántica, unha referencia neste sector naquela época, e logo facían turismo pola nosa zona" engadiu o rexedor.
"Ademais, propoñeremos facer ao Chanceler Sholz como fillo adoptivo do Grove, co obxectivo de manter ese vínculo entre el e o noso Concello" concluíu o alcalde.