Comensais chegados de toda Galicia e do estranxeiro rendéronse ante o arroz de marisco e o polbo á feira
Por Redacción
A Festa do Marisco do Grove pode presumir de éxito rotundo na súa primeira fin de semana da edición 2022. Durante as primeiras xornadas do evento, recibiu comensais chegados de toda Galicia e tamén doutras partes de España e do estranxeiro, de distintos países de Europa.
A organización fixo balance este luns e resume que durante os primeiros días da festa, o arroz de marisco e o polbo á feira foron as dúas receitas máis cotizadas nas carpas de degustación.
Así, venderon un total de 2.563 racións de arroz e 2.577 de polbo, situándose á cabeza de demandas. Por cantidade de racións vendidas, seguen a estes prazos, por esta orde, 1.875 de zamburiñas, 1.869 de navallas,1.256 de croquetas de marisco, 1.216 de mexillóns, 1122 de ameixas e 1022 racións de mexillóns ao vapor.
O alcalde, José Antonio Cacabelos, fixo unha valoración "moi positiva" da primeira fin de semana e sinalou que tanto as carpas de degustación como os concertos estiveron "ateigados de xente que veu a probar o noso marisco e a escoitar os concertos", coa actuación de Xoel López como momento álxido da fin de semana, pois encheu por completo a carpa.
De cara aos vindeiros días, o panorama tamén se presenta exitoso. Así, ao longo de toda esta semana agárdase a visita de varios grupos turísticos concertados e para a vindeira fin de semana agardan que o tempo siga acompañando para "volver a vivir a Festa do Marisco no seu máximo esplendor".
As bandas locais serán as encargadas de darlle o toque musical á Festa do Marisco ao longo desta semana.
O martes, David Chiquillo, acompañado á guitarra por Antonio Casado, interpretarán versións de rock e soul desde as 22:00 horas. Pola tarde, o grupo Luga actuará na Carpa Cafetería, ás 19:30 horas.
O mércores A Banda do Sequío subirase ao escenario para dar un toque máis bailable e á súa vez máis tradicional. Pola tarde, será a quenda para o grupo Mos ás 19:30 horas, tamén na Carpa Cafetería, e as Pandereiteiras Adro Vello, que amenizarán na Carpa Degustación.
Relacionadas:
-
Degustación de peixe e marisco na Praza de Ourense
Por Alba Feijoo Alonso |
-
Unha fin de semana de récord na Festa do Marisco
Por Redacción |
-
Cacabelos convida ao canciller alemán, Olaf Sholz, a volver a visitar O Grove
Por Oskar Viéitez |
-
Xoel López, cómplice do "éxito rotundo" de asistencia este sábado na Festa do Marisco
Por Redacción |
-
O Grove inaugura a edición número 59 da Festa do Marisco
Por Redacción |
-
Conta atrás para a primeira Festa do Marisco pospandemia
Por Redacción |