Sanxenxo expropiará os terreos do Revel para a construción do novo colexio
Por Redacción
A Xerencia Municipal de Urbanismo acaba de recibir a relación de bens e dereitos afectados incluídos no expediente de expropiación que promoverá a Administración local co fin de reunir os terreos necesarios para a construción do novo colexio de Vilalonga, que estará situado no Revel.
Aínda que o Concello de Sanxenxo xa cedeu en abril de 2009 á Consellería de Educación 11.133 m2 para este fin, a entrada en vigor do Plan de Ordenación do Litoral, precedida pola obrigatoriedade de realizar unha avaliación ambiental desta parcela, supuxo a afección de máis da metade dos terreos postos a disposición da Xunta de Galicia.
A isto hai que engadir que a protección establecida do regato que atravesa este ámbito e a denegación de permiso autonómico para canalizalo ou desviar a súa canle como pretendía o Executivo sanxenxino provocou que os metros útiles resultantes quedasen divididos en dous terreos.
Como consecuencia diso ningunha das dúas parcelas dispón da superficie suficiente para construír o novo edificio do CEIP Cruceiro e todos os seus servizos xa que supera a ocupación máxima permitida do 20%, feito que obriga o Concello de Sanxenxo a conseguir máis terreo.
Son 22.632 m2 os que a Administración local deberá adquirir para que a Consellería de Educación poida executar este equipamento. Concretamente, o estudo técnico inclúe 29 parcelas clasificadas como de labradío, forestal, viñedo, inculto ou prado.
"Encargamos un exhaustivo informe de todo o ámbito para non incorrer de novo no erro detectado no seu día polo que se incluíu unha finca privada como se fose de titularidade pública", sinalaron dende o Goberno municipal. De feito, o documento está conformado por unha ficha individual de cada superficie na que se especifican os metros cadrados de afección, o nome e domicilio dos seus propietarios e a súa valoración económica, entre outros datos.
Agora, a Xerencia Municipal de Urbanismo trasladará este expediente ao departamento de Intervención para o seu estudo e fiscalización. Unha vez superado este trámite, o Concello de Sanxenxo realizará unha exposición pública do listado de bens afectados e os seus propietarios e abrirá un período de presentación de alegacións, tras o que promoverá un expediente de prezo xusto.
Relacionadas:
-
Avanza a expropiación de terreos para construír o novo colexio do Revel
Por Redacción |
-
Sanxenxo vese obrigado á expropiación ou permuta forzosa de terreos para ampliar o colexio do Cruceiro
Por Redacción |
-
Sanxenxo volverá negociar con Velón a compra dos terreos para o CEIP O Cruceiro
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Sanxenxo comprométese a construir o novo Colexio de Vilalonga
Por Redacción |
-
Os pais de O Cruceiro, en pé de guerra polo colexio de Vilalonga
Por Oskar Viéitez |