Máis de medio millón de euros para a transformación urbana da rúa Bernardo Sagasta de Cuntis
Por Redacción
O proxecto para a mellora da calidade urbana na rúa Bernardo Sagasta custará 577.000 euros, dos que o 85%, 450.000 euros, serán financiados polo Goberno do Estado.
As actuacións servirán para mellorar a mobilidade e a accesibilidade universal da rúa Bernardo Sagasta e dun tramo da estrada N-640 ao seu paso polo casco urbano de Cuntis.
Segundo consta no proxecto, reordenarase o tráfico creando unha nova sección de viario con beirarrúas e unha plataforma viaria de 5 metros de ancho con espazo para estacionamento intercalada con arborado.
Ademais, realizaranse actuacións para o calmado do tráfico e crearase unha senda ciclista de 2 metros de ancho nos 800 metros de intervención entre a rúa Bernardo Sagasta e a N-640.
Paralelamente, mellorarase a iluminación co obxectivo de adaptala aos novos usos do viario e cumprir coas esixencias normativas vixentes. Ademais, isto permitirá reducir de maneira moi notable o consumo anual de enerxía.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, presentaron este luns o proxecto cunha visita á rúa e a representante do Goberno na provincia destacou que se trata dun investimento "moi importante" do que se van beneficiar case 5.000 veciños e veciñas.
A actuación, tal e como insistiu Maica Larriba, reflicte o "compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa transformación dos pequenos concellos galegos para facelos máis eficientes, sostibles e cunha mobilidade máis adaptada ás persoas"
Maica Larriba felicitou ao goberno municipal e de maneira especial ao rexedor por conseguir os fondos e por liderar "un proxecto que aposta por un Cuntis cun futuro máis moderno, verde e eficiente".
A achega de 450.000 euros procede do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), concedidos ao abeiro do programa DUS 5000 do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado con fondos europeos NextGeneration EU.