Sae a licitación pública a construción do parque infantil en Parada de Tenorio
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de abrir o prazo para a licitación do "Subministro e obra de instalación de parque infantil en Parada de Tenorio" mediante procedemento aberto simplificado. As empresas interesadas en participar na licitación terán ata o 10 de outubro de 2022 como prazo máximo para presentar as súas ofertas en sede electrónica.
O prezo de licitación do contrato fíxase en 54.009 euros e a empresa adxudicataria terá un prazo máximo de tres meses para executar os traballos. A apertura do sobre coa oferta económica farase o 11 de outubro ás 10 horas da mañá nas oficinas municipais do Concello.
A creación deste novo parque infantil, que conta coa autorización de Patrimonio, realizarase sobre unha parcela cedida pola Comunidade de Montes situada ao carón do campo da festa, onde se sitúa un palco e unha pequena carballeira con mesas e bancos.
O novo parque contará cun bambán mixto, outro de cesta, un tobogán para nenos de 1 a 4 anos, outro para idades de 4 a 14 anos, dous balancíns e unha tirolina.
A parcela consensuada coa veciñanza ubícase ao final do núcleo de Parada e linda polo norte con parcelas privadas, polo sur cun camiño municipal asfaltado, polo leste co camiño empedrado de Parada (catalogado por Patrimonio polo que se tivo que solicitar autorización e foi positiva), e polo oeste cun camiño de terra.
Ao atoparse a parcela nunha contorna natural, rodeada de árbores e vexetación, óptase por escoller xogos que se integren no lugar e non desvirtúen a vista da paisaxe. Para iso, todos os xogos serán de madeira natural, evitando o emprego de cores. Para o chan, óptase polo emprego de cortiza de piñeiro nas áreas de seguridade dos xogos, buscando tamén a integracion na contorna. Para completar o parque infantil, disporanse bancos e papeleiras de madeira.