Voluntarios ambientais actuarán no rego de Valdecorvos e no río Gafos nunha xornada de limpeza simultánea en 42 concellos
Por Redacción
Este domingo 25 de setembro terá lugar a décimo quinta xornada de limpeza simultánea "Móllate polos ríos" que se celebrará este ano en 42 concellos de toda Galicia, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social organizada polo Proxecto Ríos e Adega.
Unhas 60 entidades participarán nesta iniciativa. Trátase de asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino, entre outras. Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados e repiten experiencia.
En Pontevedra, o voluntariado ambiental actuará no rego de Valdecorvos coordinados pola Asociación O Quilombo que facilita o número de telefono 657944409 para inscribirse e informan que o lugar de encontro para iniciar a actividade vai ser a rúa Prado Novo nº18 ás 10:30 horas.
Pola súa banda a Fundación Juan XXIII e Vaipolorío adicarán a xornada a limpeza do río Gafos no seu tramo urbano. Neste caso, as persoas que desexen participar deberán apuntarse chamando antes do domingo ao teléfono 676 842 942.
As persoas que participen nesta actividade serán agasalladas cunhas camisolas co lema da limpeza.
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.