Vilagarcía nomeará fillo predilecto a José Agustín Pereira Fernández
Por Redacción
Vilagarcía de Arousa nomeará a título póstumo ao empresario José Agustín Pereira Fernández como fillo predilecto da cidade.
O recoñecemento a este vilagarcián débese á súa labor na empresa familiar de autobuses urbanos Pereira, a intensa labor política que exerceu como concelleiro da Corporación Municipal durante a Transición e como alcalde nun breve período antes das primeiras eleccións democráticas (entre marzo e abril de 1976).
Ademais, Pereira sempre estivo moi implicado na vida da vila, participando activamente e amosándose sempre disposto a colaborar con calquera colectivo ou iniciativa social a través da súa empresa.
Destacan desde o Concello que Agustín Pereira era unha persoa moi querida e apreciada pola súa participación en distintos ámbitos da vida pública durante décadas, como no nacemento da feira de exposicións Fexdega ou polo seu apoio constante ao deporte local. De feito, por isto último Agustín e a súa empresa recibiron ata en tres ocasións a "mención especial á mellor empresa" na Festa do Deporte Local organizada pola Fundación Municipal de Deportes.
O recoñecemento do goberno local chega cando están a piques de cumprirse dous anos do seu inesperado pasamento, en novembro de 2020, canto contaba 76 anos.
A iniciativa, destacan, conta co beneplácito dos grupos da oposición, cos que, por tratarse dun tema institucional, se abordou o tema previamente. En consecuencia, a proposta de inicio do expediente da concesión de honores someterase á decisión do Pleno na sesión deste mesmo mes de setembro. Será cando estea elaborado o expediente no que se argumenta a concesión do título, cando a proposta se aprobe definitivamente e se convoque o Pleno de Honra no que se oficializará o nomeamento nun acto oficial e protocolario que contará coa presenza das autoridades locais, a familia e representantes sociais.