Loito en Vilagarcía pola morte do ex alcalde e empresario Agustín Pereira
Por Redacción
Vilagarcía está de loito. O motivo é o pasamento, aos 76 anos, de José Agustín Pereira Fernández, concelleiro no municipio durante a Transición e alcalde durante un mes de 1979 -entre marzo e abril-, ata que se produciu a elección do primeiro alcalde da Democracia, José Recuna.
O Concello decretou un día de loito oficial como recordo ao ex político, que adoitaba participar en todos os actos públicos nos que se citaba aos antigos alcaldes.
Era unha persoa moi coñecida en Vilagarcía tamén pola súa faceta de empresario, pois era propietario de Pereira, SL, histórica empresas de autobuses que desde 1956 é concesionaria do transporte urbano do municipio e que na actualidade dirixe a súa filla Maísa.
Agustín Pereira recibirá sepultura este mércores. Previamente, ás 12.30 horas, realizarase unha misa na igrexa parroquial de Santa Baia de Arealonga.
Ademais de decretar loito oficial, o Concello quixo trasladar o seu pésame á viúva e fillos de Pereira neste momento tan triste.
Agustín Pereira foi un dos impulsores da feira de exposicións que logo terminaría converténdose en Fexdega e destacou polo seu apoio ao deporte local, que lle valeu a "mención especial á mellor empresa" na Festa do Deporte Local nos anos 1994, 1995 e 1997.
A empresa Pereira fundouna en 1915 o avó do ex alcalde, Agustín Pereira, que co autocar "La Emprendedora" comezou a prestar servicios de transporte en Santiago. Trala Guerra Civil, creou novas liñas que vertebraron a comarca: "La Emprendedora" facía a liña Vilagarcía-Cambados; "El Marino" ía a O Grove; e "El Progreso" unía Vilagarcía con Vilanova.
Nos anos oitenta, José Agustín Pereira constituíu a empresa Pereira como persoa xurídica, tal e como existe na actualidade, que desde 2002 esta asentada na polígono industrial de Trabanca.