O escultor de Sanxenxo que decora os edificios públicos de Estados Unidos
Por Redacción
Desde un pequeno obradoiro situado en Sanxenxo ata edificios tan emblemáticos nos Estados Unidos como o Capitolio, o cemiterio de Arlintong ou o Museo Botánico de Nova York. É a viaxe que emprenden moitas das pezas creadas polo escultor Francisco Castro Freijo.
Tras volver de Estados Unidos no ano 2020, o artista galego decidiu retomar o taller que tivera o seu pai, situado no lugar do Vinquiño, desde o que agora deseña e executa as súas esculturas, que seguen tendo como destino o país estadounidense.
Nestes momentos, está a crear diversos capiteis que se colocarán no Capitolio, o edificio que alberga as dúas cámaras do Congreso, en Washington D.C., a capital do país.
Para poñer en marcha este proxecto emprendedor, este emigrante retornado, formado na Escola de Cantería de Poio (Pontevedra), recibiu unha axuda de 7.000 euros por parte da Xunta de Galicia, a través do programa de axudas que impulsa a secretaría de Emigración.
O obxectivo deste programa, segundo destacou o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, durante unha visita a este taller de Sanxenxo é colaborar cos emigrantes que deciden volver a Galicia para exercer a súa actividade profesional, promovendo o seu autoemprego.
O importe máximo que pode recibir un destes proxectos ascende aos 10.000 euros.
Na área de Pontevedra, foron dezanove as persoas que se beneficiaron destas axudas, mentres que en toda Galicia chegaron ás seiscentas.
A Xunta investiu 4 millóns de euros neste programa de axudas aos emigrantes retornados, contribuíndo a que todos eles fixen de novo a súa residencia en Galicia e se integren "social, laboral e economicamente" na sociedade galega.