Ana Pontón esixe a Rueda que "deixe de normalizar o desastre sanitario" e reforce a Atención Primaria
Por Alejandro Espiño
Ata Pontevedra, a área que o BNG considera a "zona cero" da deterioración asistencial que existe na sanidade pública galega, viaxou este mércores Ana Pontón, que esixiu a Alfonso Rueda que "deixe de normalizar o desastre sanitario" que se está vivindo.
Ante o centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra, ao que acudiu acompañado entre outros polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, Pontón reclamou aumentar un 2,2% o orzamento para Atención Primaria nas contas de 2023.
Isto traduciríase nuns 200 millóns de euros máis, recursos que segundo a líder do BNG, deben empregarse para contratar máis persoal, dotar de maior estabilidade aos profesionais e impulsar un plan de atracción e retención dos traballadores sanitarios.
"Con máis recursos imos a defender mellor a sanidade pública", sinalou Ana Pontón, que considera "básico e fundamental" que todos os galegos teñan "dereito á súa saúde".
A deterioración actual da sanidade pública, subliñou a dirixente nacionalista, "chegou a un extremo que non coñecíamos" desde que existe como tal, algo que "non é casualidade" senón froito dunha política "deliberada, planificada e ideolóxica" por parte do PP.
Os populares, censurou Pontón, "queren deteriorar o público para beneficiar ao privado" impulsando recortes no sistema sanitario "que poñen en risco a saúde das persoas".
A este respecto, a portavoz do BNG apuntou que Atención Primaria ten 47 millóns menos de orzamento que en 2009 ou que Galicia é a cuarta comunidade que menos inviste nela.
"Non é normal nin podemos aceptar que se sigan tomando decisións que están a deteriorar a sanidade pública", insistiu Ana Pontón, que asegurou que desde o BNG defenderán "con uñas e dentes" a sanidade pública porque "é o mínimo que necesita unha democracia".
Miguel Anxo Fernández Lores, por parte, coincidiu en sinalar que esta deterioración da sanidade está a ser "sistemática e perfectamente deliberada", especialmente en Atención Primaria, "o primeiro chanzo ao que acode a xente".
"Se falla Atención Primaria falla todo o sistema", lembrou Fernández Lores, para quen "non hai escusas" para abordar un fortalecemento da atención sanitaria, investindo unha maior cantidade de diñeiro na sanidade, porque a situación actual "é insostible".
Relacionadas:
-
A ILP de SOS Sanidade Pública para salvar a atención primaria, "disparada" en zonas como O Salnés e O Morrazo
Por Redacción |
-
Denuncian a "falta de compromiso" dos responsables sanitarios para mellorar a situación en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
SOS Sanidade Pública O Salnés convoca unha manifestación comarcal en outubro polas rúas de Vilagarcía
Por Redacción |
-
O BNG sitúa na área sanitaria pontevedresa a "zona cero" do "colapso" da sanidade e pide á Xunta un reforzo
Por Natalia Puga |
-
Multitudinaria concentración polo "desmantelamento" da atención primaria en Sanxenxo
Por Redacción |