Multitudinaria concentración polo "desmantelamento" da atención primaria en Sanxenxo
Por Redacción
Preto dun milleiro de persoas concentráronse este sábado ante o centro de saúde de Baltar, en Portonovo, para protestar contra a política de "desmantelamento" da sanidade pública en Galicia, especialmente centrada nos recortes na atención primaria.
"Estamos preocupados pola situación que estamos a vivir día a día", sinalaron os convocantes, a plataforma SOS Sanidade Sanxenxo, que denuncian que a asistencia sanitaria no municipio "está a deteriorarse dunha maneira alarmante".
Ante unha situación que cualifican como "demoledora", os manifestantes reiteraron que "coa saúde non se xoga" e, entre berros e consignas, lembraron á Xunta de Galicia e, en especial ao conselleiro de Sanidade, que "o público é servizo, o privado, beneficio".
No manifesto que leron durante a concentración, SOS Sanidade Sanxenxo denunciou, entre outras cuestións, que nestes momentos, dos oito médicos que debería haber no centro de saúde de Baltar, só hai tres traballando.
Isto provoca que, nun municipio que multiplica a súa poboación no verán, actualmente exista un cociente de "un médico para 33.000 persoas" ante a falta de efectivos. Tampouco hai pediatra e, durante todo o mes de xullo, só estaba a metade do persoal de enfermería.
A todo iso, a plataforma suma a anulación de citas médicas para consultas, o peche doutros PAC como o do Grove, que acaba derivando máis pacientes a Sanxenxo ou, o caso máis grave, a morte dunha paciente en Baltar "á que se lle negou unha ambulancia".
Devolver á sanidade pública a súa calidade, segundo os manifestantes, pasa por contratar máis persoal sanitario en todas as categorías e con ofertas que lles garantan unha estabilidade laboral "porque ante contratos de horas ou días, as persoas prefiren comer todos os días".
APOIO DE BNG E PSdeG-PSOE
Esta protesta en Sanxenxo contou coa participación de representantes de distintas organizacións sociais, sindicais e políticas, entre elas, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, e a portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado.
Esta última denunciou que Sanxenxo representa o "quilómetro cero" da situación que provocaron trece anos de "voadura controlada" do PP contra a sanidade pública galega.
O líder socialista, pola súa banda, considera que a sanidade é o "principal asunto" a resolver en Galicia ante a xestión "dramática" do PP, un modelo "que non é casual" e que definiu como unha política de "menos recursos, menos médicos e menos enfermeiros".
Relacionadas:
-
Protestas en Marín e O Grove ante a escaseza de médicos nos centros de saúde
Por Redacción |
-
Ana Pontón esixe a Rueda que "deixe de normalizar o desastre sanitario" e reforce a Atención Primaria
Por Alejandro Espiño |
-
SOS Sanidade Pública O Salnés convoca unha manifestación comarcal en outubro polas rúas de Vilagarcía
Por Redacción |
-
O BNG sitúa na área sanitaria pontevedresa a "zona cero" do "colapso" da sanidade e pide á Xunta un reforzo
Por Natalia Puga |
-
Sábado 27, protesta ante a precarización de servizos sanitarios no Centro de Saúde de Baltar
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O PSOE de Sanxenxo denuncia ante a Fiscalía a situación "deleznable" do PAC de Baltar
Por Oskar Viéitez |
-
Sanidade sinala que non detectaron "criterios de gravidade" na muller que morreu en Baltar tras negarlle unha ambulancia
Por Natalia Puga |
-
Imposible conseguir cita médica no centro de saúde de Baltar
Por Redacción |