O centro de saúde de Campo Lameiro será renovado de xeito integral
Por Redacción
Algo máis de 110.000 euros vanse a destinar ás obras de melloras que Sanidade acometerá no centro de saúde de Campo Lameiro. Así se recolle no convenio de colaboración que asinaron este venres o conselleiro Julio García Comesaña e o alcalde, Carlos Costa.
Este acordo, segundo explican desde a Xunta de Galicia, permitirá renovar as cubertas do soportal existente na entrada principal, do corpo anexo, así como o seu illamento térmico.
Ademais, construirase un soportal cuberto no lateral dereito para o acceso dos pacientes desde a ambulancia, substituirase a carpintería exterior por outra con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento e modificarase a rampla de acceso para maior accesibilidade.
A actuación inclúe tamén a rehabilitación da construción anexa que acolle a sala de caldeiras para crear unha sala covid-19, a retirada do azulexo desprendido e un novo azulexado dos aseos e o almacén ou a ampliación do oco da porta da sala de urxencias, que será renovada.
As obras completaranse co pintado interior de todo o edificio, coa colocación de falsos teitos na planta baixa, coa adecuación instalación eléctrica á normativa vixente e coa reparación de radiadores da instalación de calefacción.
Este novo convenio dá cumprimento ao compromiso da Xunta para levar a cabo a renovación integral do centro de saúde de Campo Lameiro, no hai meses reformouse toda a cuberta cun investimento de máis de 47.000 euros.
O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo.
Relacionadas:
-
Remata a reforma integral do centro de saúde de Campo Lameiro
Por Redacción |
-
A corporación de Campo Lameiro sairá á rúa para protestar pola falta de médicos no Centro de Saúde
Por Redacción |
-
O centro de saúde de Campo Lameiro contará cun novo soportal cuberto para pacientes
Por Raquel Currás Martínez |
-
Asinado o acordo para a reforma do centro de saúde de Campo Lameiro
Por Redacción |