A oficina de turismo de Ferreirós dixitalízase cunha pantalla informativa e unha tablet ao dispor dos turistas
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra dá un novo paso cara a dixitalización das oficinas adheridas á Rede Info Rías Baixas coa implantación na oficina do Casal de Ferreirós, en Poio, de novos elementos de atención ao turismo enmarcados no programa europeo Tourist Inside.
Ata este lugar achegáronse a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, e os tenentes de alcalde Gregorio Agís e Silvia Díaz, nunha visita na que comentaron os cambios que veñen.
A oficina aposta pola dixitalización da experiencia do turista que se achega a pedir información coa incorporación dunha pantalla dixital de 55 polgadas na que ofrecerá información do destino Pontevedra provincia mediante a interconexión coa Rede Info Rías Baixas.
Ademais, disporá dunha tableta na que as persoas visitantes poderán realizar enquisas de satisfacción.
O salto ao mundo dixital non só atinxirá á oficina, senón que chegará a distintos puntos do municipio coa colocación de 19 "beacons", unhas balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía bluetooth.
No ano 2020 esta oficina acadou a Q de Calidade turística, un distintivo que outorga o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) e que converte á oficina nunha referencia na atención aos visitantes, dado o grao de cumprimento dos estándares e procedementos certificados.
A Rede Info Rías Baixas é un modelo de éxito que conta con 33 oficinas por toda a provincia de Pontevedra. Foi creada hai catro anos pola Deputación de Pontevedra para garantir un servizo de atención de calidade nas oficinas de turismo da provincia, ás que dota de máis medios, de novas tecnoloxías e dunha imaxe unificada a fin de mellorar o grao de satisfacción dos visitantes.
Relacionadas:
-
As irmáns Mendoza 'reviven' como anfitrioas da oficina "máis sorprendente, dixital e inclusiva" de Rías Baixas
Por Alejandro Espiño |
-
O Palacete das Mendoza recibe un investimento de 350.000 euros do proxecto europeo Tourist Inside
Por Oskar Viéitez |
-
Habilitan unha nova zona de aparcamento para autobuses turísticos en Combarro
Por Redacción |
-
Pantallas táctiles e bucles magnéticos para unha oficina de turismo cada vez máis dixital
Por Redacción |
-
A Deputación recibe outro premio pola súa aposta pola dixitalización do destino turístico Rías Baixas
Por Redacción |
-
A Deputación destinará 220.000 euros para continuar profesionalizando as oficinas de Turismo Rías Baixas
Por Redacción |