Sindicatos da área sanitaria esixen a José Flores a apertura das camas pechadas en Montecelo
Por Redacción
Os sindicados CESM Galicia, PROSAGAP e CO-BAS esixen ao novo xerente da área sanitaria, José Flores, que negocie canto antes cos representantes sindicais a implantación dun Plan Funcional de Choque-Emerxencia. Entenden que é a solución para evitar a precariedade que atravesan os distritos sanitarios de Pontevedra e O Salnés.
Demandan recursos humanos e económicos para recuperar un equipo de persoal estable que garanta unha asistencia eficiente e de calidade; en lugar da actual situación que, segundo denuncian, pasa pola supresión dos dereitos do persoal afectándolles nas súas vacacións, permisos e días de libre disposición.
Estes representantes afirman que a chegada de José Flores, en lugar do anterior xerente José Ramón Gómez, provocou unha "melloría" en canto a planificación e xestión de persoal, pero tamén advirten de que manterán a folla de roteiro establecido en xullo e, no caso de que non se recollan as esixencias sindicais, teñen previsto iniciar unha folga.
Piden tamén que o Sergas informe á poboación sobre as medidas que se adoptarán para corrixir as carencias actuais e que se recoñeza o labor profesional do persoal sanitario. Entre outros aspectos esixen que se abran todas as camas pechadas no Hospital Montecelo para evitar que os pacientes esperen nos corredores de Urxencias e a adaptación a un protocolo de funcionamento para estes supostos que sexa de obrigado cumprimento para a directiva, servizo de admisión e xefe de garda.
Tamén piden a denuncia inmediata do contrato do servizo de Ambulancia e a convocatoria dun novo concurso público con vehículos e persoal necesario, tras negociar cos sindicatos. Ademais demándanlle a destitución de todo o equipo do anterior xerente, José Ramón Gómez. Denuncian que ese equipo cometeu "continuas irregularidades na xestión económica e de recursos materiais con adxudicacións a dedo, concursos máis custosos con servizos máis deficientes, privatizacións inexplicables e unha política de mantemento desastrosa con habitacións e camas pechadas máis dun ano pendentes de obra, aparellos de raios X durante meses inoperativos e sen ningún seguimento no cumprimento das condicións dos contratos adxudicados", sinalan desde CESM, PROSAGAP e CO-BAS.
Esta petición realízase despois de que as Comisións de Centros tamén reclamasen unha xuntanza inmediata co xerente para tratar todos os temas que afectan á area sanitaria de Pontevedra e O Salnés en relación coa situación que se rexistra en atención primaria, PACs e Urxencias Hospitalarias.
Relacionadas:
-
Flores nomea nova directora de Atención Primaria da área sanitaria á doutora Marta Ocampo
Por Redacción |
-
José Flores manterá un encontro coa xunta de persoal para analizar a situación sanitaria a vindeira semana
Por Redacción |
-
As Comisións de Centro de Pontevedra demandan unha reunión urxente con Flores ante a precarización de Atención Primaria
Por Redacción |
-
José Flores destaca que o Gran Montecelo contará con espazos máis acolledores en áreas sensibles
Por Redacción |