Vilanova de Tenorio, dous días de festas e dúas noites de verbena
Por Redacción
Vilanova de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, honrará esta semana, entre os días 19 e 20 de agosto, á Virxe de Fátima. Para facelo, preparou un programa festivo que terá un marcado carácter musical, coas orquestas Tic Tac, Noche de Estrellas e Trébol como protagonistas
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e varios membros da Comisión de Festas de Vilanova de Tenorio presentaron o programa este martes e explicaron que as actividades comezan o venres 19 de agosto pola noite cunha verbena protagonizada polo trío Tic Tac e Disco Móvil, con José Martínez de Radio Lagarto.
O sábado 20 de agosto o programa festivo comezará a primeira hora da mañá cun pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas e Percusión Foula de Cotobade. Ás 13 horas terá lugar a misa solemne cantada polo Coro Parroquial, seguida de procesión acompañada pola citada agrupación folclórica.
A sesión vermú estará amenizada pola Banda de Gaitas e Percusión Foula de Cotobade que animarán os momentos posteriores á celebración relixiosa que terá como protagonista á Virxe de Fátima.
Unha gran verbena coas orquestras Noche de Estrellas e a mítica Trébol pechará a programación.
Jorge Cubela agradeceu os esforzos á comisión de festas, establecementos comerciais colaboradores e á veciñanza en xeral para que se sigan mantendo activas este tipo de celebracións que, "ademais de manter vivas as nosas tradicións, contribúen a dinamizar os nosos lugares e amenizar os momentos de lecer neste verán".