A Batalla de Flores obriga a establecer restricións de tráfico
Por Redacción
Co regreso da Batalla de Flores ás rúas do centro da cidade, o goberno local establece unha serie de medidas restritivas para a circulación e estacionamento durante a xornada do xoves.
As rúas afectadas son a avenida de Lugo, entre Avenida Virxinia Pereira e Loureiro Crespo; San Mauro, entre a avenida Virxinia Pereira e Loureiro Crespo; a rúa Loureiro Crespo; Benito Corbal; Cobián Roffignac; Padre Amoedo e a avenida de Bos Aires, entre a ponte de Santiago e a ponte dos Tirantes con restricións só circulatorias ao termo da cabalgata.
Nun tramo das rúas avenida de Lugo e San Mauro non se poderá aparcar a partir das 13.30 horas do xoves 18 e prohibirase a circulación e o acceso á saída dos garaxes a partir das 16.00 horas. Nesta contorna atópase o aparcamento do supermercado Mercadona, que deberá quedar baleiro de vehículos ás 16.00 horas desa mesma xornada.
Para acceder a urxencias do Hospital Provincial haberá que percorrer San Antoniño, Gonzalo Gallas e Loureiro Crespo. Para aproximarse ás urxencias do Hospital Quirón Saúde Miguel Domínguez, o acceso deberá efectuarse a través de Andrés Mellado, Sagasta (en sentido contrario) e Castelao.
A Batalla de Flores ofrece o seguinte percorrido este ano: inicíase en Loureiro Crespo para continuar por Benito Corbal; Cobián Roffignac; e Padre Amoedo. O comezo está previsto ás 19.00 horas.