O acondicionamento da praza de abastos de Vilalonga como sede do Banco de Alimentos custará 32.112 euros
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo xa dispón dun proxecto para acondicionar o antigo mercado de abastos de Vilalonga na nova sede do Banco de Alimentos Rías Baixas. As obras de adecuación do inmoble de 211 metros cadrados terá un custo de 32.112 euros. Tras a actuación o interior será un almacén cunha sala diáfana, un aseo adaptado e unha cámara de frío. Ademais, realizarase traballos de illamento, pintura, fontanería e electricidade e mellorará o acceso ás instalacións.
Unha vez concluídos os traballos, trasladaranse ao mercado desde a súa actual localización no Centro de interpretación da Telleira onde se proxecta a mellora da estrutura do edificio, unha redistribución dos espazos e un equipamento que seguirá os estándares de sustentabilidade e eficiencia enerxética que contribuirán á integración na contorna natural onde se sitúa.
O obxectivo é que A Telleira se converta nun centro de difusión dos valores ecolóxicos e etnográficos de toda a zona que fomente o turismo ambiental e ornitolóxico, especialmente nos meses de outono e inverno cando máis de 200 especies de aves elixen este humidal, incluído no convenio Ramsar, para invernar.
E é, precisamente, coa finalidade de potenciar a protección desta contorna e convertela no centro da actividade ambiental pola que se trasladará a estas instalacións, dotadas coas últimas tecnoloxías dixitais, a sede da Concellería de Medio Ambiente. No exterior contémplase a mellora da degradada contorna e da accesibilidade. O goberno prevé un investimento total no Centro de Interpretación da Telleira de 457.000 euros.
Relacionadas:
-
Ceden un local municipal en Vilalonga para o Banco de Alimentos Rías Baixas
Por Redacción |
-
Necesítanse 500 persoas voluntarias para colaborar na Gran Recollida do Banco de Alimentos
Por Anxo Lourido |
-
A Telleira será a sede galega de SEO Birdlife tras a súa rehabilitación
Por Redacción |
-
O Concello de Sanxenxo ten en execución obras por 2,7 millóns de euros en catro parroquias do municipio
Por Redacción |
-
O Concello encarga o proxecto definitivo de posta en valor da Telleira e da senda entre A Fianteira e Os Pasales
Por Redacción |