Dous feridos na colisión entre un camión cargado de gasóleo e un coche en Caldas
Por Redacción
Dúas persoas resultaron feridas este venres nun accidente de tráfico en Caldas de Reis. O sinistro consistiu na colisión entre un camión cisterna cargado de gasóleo e un coche.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, o condutor do camión foi evacuado polos servizos sanitarios ao Hospital do Salnés tras resultar ferido.
O condutor do turismo tamén sufriu feridas, pero puido desprazarse polos seus propios medios ao mesmo centro hospitalario.
A carga do camión non se viu afectada e, segundo indicaron os axentes de Tráfico ao 112 Galicia, os restos de aceite que se derramaron pola vía proviñan da mesma cabeza tractora do vehículo debido ao impacto.
O accidente rexistrouse sobre as 13.15 horas deste venres na estrada N-640 á altura da parroquia de Godos, en Caldas de Reis.
O 112 Galicia pasou aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron axiña unha ambulancia e un equipo médico ao punto. Ademais, foron informados os Bombeiros de Ribadumia, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local, os efectivos de Protección Civil da localidade e do Servizo de Emerxencias de Vilagarcía, así como, o persoal de mantemento da vía.
Foi preciso interromper a circulación nun carril da estrada para proceder á evacuación dos feridos e foi necesario un guindastre para retirar o camión sinistrado.
Ata o lugar desprazouse o persoal responsable de mantemento da estrada, que se encargou de restablecer as condicións da vía