Ningunha denuncia en Pontevedra por picadas de submisión química, pero "se pasa, directamente ao hospital"

Por Natalia Puga

© Deputación de Pontevedra
As picadas por submisión química que se deron nas últimas semanas noutros puntos de España e de Europa xeraron preocupación e alarmismo tamén en Pontevedra, pero, ata o de agora, en toda a provincia, tan só hai constancia dunha denuncia na localidade de Nigrán, ningunha na cidade e a comarca de Pontevedra ou as comarcas máis próximas como O Salnés, O Morrazo ou Umia.
O comisario provincial da Policía Nacional, Juanjo Díaz Jiménez, referiuse este xoves a esta situación durante a súa visita de presentación á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e confirmou que "a día de hoxe, en toda a provincia de Pontevedra, non hai unha soa denuncia por este tema", en referencia ao ámbito territorial que vixía a Policía Nacional. A Garda Civil si recibiu a denuncia de Nigrán.
Nas últimas horas, o tema estivo na fala da xente pola alarma social xurdida por supostos picadas durante as festas do Albariño de Cambados, pero o comisario referiuse a esas informacións como "bulos" que circulan a través das redes sociais "non sei con que motivo".
Aínda sen ter constancia de ningún caso na súa demarcación, o comisario si quixo facer unha serie de recomendacións á cidadanía para o caso de que si se de algunha destas situacións. O máis importante, segundo asegura, é actuar "con prontitude".
A vítima, nada máis sufrir a picada, debería contactar co 112 para recibir atención sanitaria e que poidan realizarlle unha analítica de sangue "con prontitude". "Se pasa, inmediatamente o hospital", é a súa principal recomendación.
A presidenta provincial referiuse aos bulos que, no caso de Cambados, correron como a pólvora a través das redes sociais e pediu non crear "alarmismos". Así, fixo un chamamento ás Forzas de Seguridade, ás institucións públicas, aos medios de comunicación e á cidadanía para actuar "con rigor" e non se deixen levar "por falsas noticias e bulos que aparecen en redes".
Eses bulos, alertou, "xeran alarmismo que dana á liberdade das mulleres", pois se pode dar o caso de familias que, ante este alarmismo xerado, tomen decisións que impidan ás mulleres gozar con liberdade do seu tempo de lecer.
"Ninguén nega que hai que estar atentos", insistiu Carmela Silva, que asegura que as Forzas e Corpos de Seguridade xa están atentas e realizan vixilancias.
UNHA PERSOA ATENDIDA NO HOSPITAL
En Cambados, fontes oficiais do Sergas explicaron que no Hospital do Salnés atenderon durante a pasada madrugada a tres persoas chegadas da festa do Albariño. Dúas foron por crise de ansiedade e unha terceira "referiu unha picada".
Fuentes da coordinación do servizo de Urxencias aclaran que a esa persoa realizáronselle análise e non se detectou "químicos nin nada" que puidese confirmar que recibise unha picada por submisión química. Desde o Hospital do Salnés, de feito, lanzan unha "mensaxe de tranquilidade".
Relacionadas:
-
As policías Local e Nacional manteñen unha colaboración "excepcional" para protexer unha cidade "segura"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Federación pola Igualdade das Mulleres presenta un cubrevasos contra a submisión química
Por Redacción |
-
A Área Sanitaria conta xa cun protocolo de actuación ante casos sospeitosos de submisión química
Por Redacción |
-
Polémica arredor das denuncias de "picadas" a mulleres nas Festas do Albariño
Por Redacción |
-
Abren na Calzada as casetas de 44 adegas pola Festa do Albariño
Por Redacción |
-
O novo comisario da Policía Nacional márcase como reto atallar a ciberdelincuencia e confirma un "pequeno descenso"
Por Natalia Puga |