
© Cristina Saiz
Tetada láctea na Alameda para reivindicar alimentar aos bebés "cando e onde queiran as nais"

© Cristina Saiz

© Cristina Saiz
Celebrar a Semana Internacional da Lactación Materna, reivindicar o dereito das nais para alimentar aos seus bebés cando, onde e como queiran; e des-sexualizar o acto de dar o peito. Tres obxectivos fundamentais que xustifican a iniciativa que este mércores levou a cabo nos xardíns da Alameda a asociación A Vila Láctea.
As promotoras deste evento, que conta co apoio do Concello e a Deputación, son as integrantes dun grupo de apoio á lactación materna que se reúne semanalmente na Casa Azul para concienciar e estimular este acto como forma óptima de alimentar aos bebés e ofrecerlles os nutrientes que precisan co equilibrio idóneo, así como concienciar sobre a súa importancia en lugares públicos.
As reunións comezaron no mes de maio cunha notable acollida. Están dirixidas principalmente a mulleres lactantes e embarazadas, así como á persoas que dan apoio a lactantes ou xestantes, explican as impulsoras desta asociación, Berta Romero e Mar Gastañaduy.
Dado o éxito que tivo a iniciativa e para aproveitar o verán, as promotoras decidiron sacar as reunións á rúa. Aproveitando a celebración da Semana Internacional da Lactación Materna, unha vintena de nais sumáronse a unha iniciativa que busca "promover a lactación materna, defender que poidan alimentar aos bebés cando e onde queiramos e deixar de sexualizar o acto de dar o peito", explica Romero, quen alega tamén que a OMS recomenda aleitar aos fillos ata os dous anos. Unha recomendación que Berta amplía: "ou ata que a nai decida".
Para a actividade, Vila Láctea convidou a todas as persoas que compoñen a contorna das lactantes (pais, avós ou fillos) a participar. O espazo conta con decoración propia por parte do departamento municipal de parques e xardíns, ademais dunha ilustración comemorativa realizada por unha das membros da asociación, Natalia Umpiérrez.
Aínda que recoñecen ser firmes defensoras da lactación, desde Vila Láctea foxen do cualificativo de "hippies da teta". Puntualizan que "nós decidimos a forma de alimentar ao noso bebé. Critícasenos por todo, por dar o peito, pero tamén por alimentalos con biberón", lamenta Berta Romero, quen deixa claro que "respectamos outras formas de alimentar aos nosos bebés".
Tetada láctea nas Palmeiras para celebrar a Semana Internacional da Lactación Materna
Tetada láctea nas Palmeiras para celebrar a Semana Internacional da Lactación Materna promovida poa asociación Vila Láctea
© Cristina Saiz