Unha andaina solidaria recadará fondos en Campo Lameiro para a Fundación Andrea
Por Redacción
O Concello de Campo Lameiro acollerá o vindeiro mes de setembro unha andaina solidaria pensada para recadar fondos cos que axudar á Fundación Andrea de apoio a nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas e terminais.
Esta primeira edición da 'Andaina Concello de Campo Lameiro' celebrarase o vindeiro domingo 18 de setembro e terá un trazado longo de 21,5 quilómetros e outro máis curto de 14 quilómetros.
Trátase dunha proba pedestre non competitiva que pretende promocionar os distintos lugares e paraxes que conforman o patrimonio natural e medioambiental de Campo Lameiro.
A ruta terá un percorrido circular con varios postos de avituallamento para facilitar que os participantes estean perfectamente atendidos ao longo de toda andaina. O percorrido contempla un desnivel positivo de 860 metros para a distancia longa de 21,5 quilómetros con3 avituallamentos. No caso do trazado curto de 12 quilómetros, o desnivel positivo será de 550 metros e haberá dous puntos de avituallamento.
As persoas interesadas en participar poder formalizar a súa inscrición a través da páxina web www.galitiming.com. Terán que abonar 10 euros por participar e 5 euros de cada inscrición irán destinados á Fundación Andrea.
Só polo feito de participar, as persoas inscritas recibirán unha camisola de agasallo por parte da organización.
Para incentivar a inscrición, a organización estableceu varios sorteos de produtos doados por establecementos comerciais da contorna entre os 150 primeiros dorsais que se repartan entre os inscritos.
Ao remate do evento, a organización servirá un aperitivo a base de pinchos nos que haberá empanada, mexillóns e callos que poderán ser degustados e acompañados por bebidas refrescantes doadas polos establecementos colaboradores.
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, e varios membros do comité organizador presentaron este martes a iniciativa, entre eles, Mercedes Fernández, Jesús García, Mónica Arza e Paula Pazos.
Carlos Costa destacou que esta iniciativa ten varias vertentes como favorecer a práctica deportiva e o exercicio entre a poboación, darlle visibilidade aos distintos espazos naturais do concello e axudar á Fundación Andrea.