A misión case imposible de alugar un piso se tes mascota
Por Manu Otero & Cristina Saiz
Non é tarefa sinxela estes días alugar un piso en Pontevedra. Pouca oferta, alta demanda, prezos elevados, soldos baixos, inflación, paro... unha ensalada de inconvenientes que desanima a calquera. E se encima o inquilino chegará acompañado do seu can ou o seu gato xa pode prepararse para unha ardua procura.
"Agora mesmo o 80 % dos pisos en alugueiro non permiten mascotas. E os que o permiten adoita ser porque tamén teñen can, aínda que hai arrendadores que teñen mascotas e non permiten aos seus inquilinos que teñan animais", explican desde a inmobiliaria Bolboreta.
Coinciden a maior parte das inmobiliarias da cidade na "dificultade" de atopar pisos en alugueiro que permitan vivir con mascotas. A maior parte dos arrendadores inclúen cláusulas nos seus contratos nas que especifican a prohibición de ter animais. Con todo, hai métodos para cambiar esta situación. O diálogo e a confianza entre inquilino e propietario é o principal.
"Foi un tema difícil. Eu non lle dicía o do gato cando fun a ver o piso, pero tiñamos boa sintonía. Cando me chegou o contrato, vin que había unha cláusula que prohibía animais. Pero eu estaba interesadísima no piso. Entón falei con el e díxenlle que tiña unha gata, pero que é moi boa e non esnaquiza nada. Aínda así, calquera desfeita que puidese xerar o animal, á marxe da fianza, ía pagar eu. Así que fixemos un cambio no contrato para matizar que só se podería ter animais se hai acordo co caseiro e que os gastos provocados polo animal correrían a cargo do inquilino", explica Carla Feáns como puido quedar no piso elixido e seguir convivindo coa súa compañeira felina.
Con todo, non todos os casos teñen final feliz. Un veciño de Pontevedra tivo que renunciar ao seu cachorro perruno recentemente adoptado dunha protectora porque a comunidade de veciños non quere animais no seu edificio; outros, en cambio, arríscanse a ter á súa mascota en casa confiando en que o caseiro nunca se decate.
Máis difícil tívoo Nuria Pazos, que tivo que superar toda unha odisea para poder compartir un piso cos seus dous cans na Boa Vila. "Hai cinco anos volvín a Pontevedra de Bilbao e a única persoa que me alugou o piso porque tiña un can foi a tía dunha amiga. E fíxoo porque xa me coñecía e sabe que son unha persoa decente", comenta esta moza farmacéutica as peripecias da súa procura de piso.
Con todo, tivo que volver mudarse e a misión complicouse aínda máis porque "este ano que estou eu soa e teño dous perretes", contextualiza Pazos. "Chamei a todos os pisos que había en Pontevedra dunha e dúas habitacións. Ningún me deu un si, só un piso que caía, que era asqueroso no que unha persoa normal e limpa non viviría", lamenta.
Era tal a súa desesperación que chegou a ofrecer aos caseiros todas as facilidades do mundo. "Dicíalles que podían entrar en casa sen permiso cando quixesen, que me podían botar sen aviso previo aviso ou se se queixaban os veciños, dáballes tres meses de fianza ou o importe que eles fixasen, que me podían subir o aquiler. Nin así, todos me dixeron que non", relata sen chegar a comprender do todo as razóns destas negativas.
Finalmente tivo que conformarse cunha vivenda de 30 metros cadrados nun cuarto piso, sen ascensor e cunha renda de 450 euros. "Para o meu gusto non é un fogar, é como vivir nunha habitación, é esaxeradamente anano. Déixanme ter aos dous cans, pero coa cláusula de que se os veciños teñen algún problema, pódenme botar", conclúe Nuria.
Moito máis afortunada foi Ainhoa Pazos que vivía de alugueiro nun piso no que, en principio, non estaban permitidos os cans, pero "collinme un e non me puxo pegas. Tamén é verdade que veu por mor de que lle alugou un piso a outra moza xa con can", puntualiza a nova. "Agora todos os veciños, menos un, teñen can", remata Pazos.
"Moitas veces pagan xustos por pecadores", admiten na Inmobiliaria Bolboreta. A maior parte dos amos de cans e gatos teñen ás súas mascotas educadas e coidan as propiedades, pero existe unha minoría que deixan ao seu paso un reguero de destrución.
"Hai que entender tamén aos propietarios porque moitas veces os animais esnaquizan a propiedade. Non é a primeira vez que o caseiro se atopa o parqué raiado, mobles mordidos ou o sofá esnaquizado", detalla o axente, quen puntualiza que Pontevedra, "ao ser unha cidade pequena", dificulta aínda eliminar estas restricións porque, co boca a boca, as malas experiencias de inquilinos con animais acaban chegando aos oídos dos arrendadores que prefiren prohibir a tenencia de mascotas para evitar posibles problemas.
Con todo, son moitas as voces que se poñen a esta imposición dos arrendadores. "Agora xa non son mascotas, son considerados membros da unidade familiar, non sei ata que punto pódencho prohibir", cuestiona Ainhoa. Con todo, nas inmobiliarias son tallantes. "Se non queren cans, é a súa propiedade. Tamén os hai que non aceptan nenos", conclúen.
Relacionadas:
-
Compartir piso xa non é cousa de estudantes
Por Manu Otero |
-
Alertan da necesidade de pisos baleiros para albergar poboación ucraína
Por Redacción |
-
Desaloxada por segunda vez por non pagar o aluguer
Por Natalia Puga |
-
Está a túa mascota farta de que esteas na casa?
Por Manu Otero |
-
A experiencia do confinamento cambiará as preferencias habitacionais?
Por Marisa Ciordia |