A experiencia do confinamento cambiará as preferencias habitacionais?
Por Marisa Ciordia
Calquera alteración que faga saír da rutina sempre xera unha consecuencia e o mercado inmobiliario, como outros tantos, non é alleo. É a primeira reflexión que ofrece David Suárez, da pontevedresa Inmobiliaria Lagar, cando lle expomos que efectos vai ter neste sector as crises derivadas do coronavirus e a circunstancia aparellada do confinamento.
As primeiras reaccións son a incerteza e o medo, e por tanto "vaise a ser máis cauto". David Suárez, considera que "se vai a notar en maior medida no perfil do investidor. Esas persoas que ata o de agora investían no sector inmobiliario, poden preferir ter ese diñeiro dispoñible en lugar de telo inmobilizado en vivenda".
No que respecta a compra ou aluguer en vivenda habitual, non aprecia que se produza un cambio: "vai haber un tempo de regularización, uns meses para ir retomando o ritmo, pero creo que non se vai a notar", engadindo que "o normal, é que os prezos se mantivesen. No caso de vendas entendemos que os prezos van ser lineais, que pouca alteración poida haber, e no caso de alugueres sucederá o mesmo".
Con todo, as secuelas e impacto no mercado laboral si se trasladará ao ámbito do aluguer. "Terá que haber unha regularización no mercado xa existente" entre propietarios e inquilinos e algún tipo de axudas por parte do Goberno para estas circunstancias.
E á marxe das derivadas económicas, deixará secuelas o confinamento entre aquelas persoas que viven estas semanas en pisos urbanos? Desde a Inmobiliaria Lagar estiman que unha vez que se retome a actividade, si pode notarse certo incremento na demanda de residencias no ámbito rural; aínda que, "non como primeira, senón como segunda residencia. É dicir que haxa unha variación de formulacións: en lugar de adquirir un segundo inmoble destinado a aluguer, que se opte por unha casa no campo polo que poida vir".
A este respecto, David Suárez tamén engade que non o contempla como "un ánimo de pronto investimento, senón máis retardado", aquelas persoas que xa tiñan esta idea en mente e expóñanse esta opción a medio, longo prazo.