Defensa entrega aos comuneiros o convenio que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2014
Por Oskar Viéitez
O Secretario de Estado de Defensa, Pedro Argüelles Salaverría, será o encargado de asinar nas próximas semanas o acordo sobre os terreos que ocupa a Brilat, cos presidentes das comunidades de montes: Fernando Pintos, de Salcedo; Constantino Lamoso, de Figueirido; Xabier Míguez, de Vilaboa e Francisco Casal de San Xulián.
Segundo a proposta remitida nas últimas horas a todas as partes implicadas, o prazo de todas as cesións de uso a favor do Ministerio de Defensa será de 75 anos "sempre e cando se manteña o fin aquí pactado", a contar a partir do 1 de xaneiro de 2014.
Non obstante e logo de notificación con seis meses de antelación, o contido do acordo poderá ser obxecto en calquera momento de desistimento total ou parcial por parte do Ministerio de Defensa. Nese caso o acordo quedará extinguido, "recuperando automaticamente as comunidades de montes a plena propiedade e posesión dos seus respectivos terreos así como a plena propiedade de todas as obras ou construcións que houbera nesa data sobre este sen que as comunidades de montes teñan que satisfacer indemnización algunha ao Estado", di o texto do convenio.
O canón terá unha contía anual de 0,18 euros por metro cadrado e abonarase dentro dos seis primeiros meses de cada ano natural.
O acordo quedará suspendido respecto aos terreos de Figueirido e Vilaboa ata que os recursos xudiciais presentados non conclúan en sentenza firme.
SALCEDO
- Cede o uso a Defensa de tres porcións de monte en San Martín, unha de 30,5 hectáreas con destino exclusivo a albergar a Base Militar, outra de 34,1 hectáreas que actualmente forman o campo de manobras e unha terceira de 7,4 hectáreas.
- Pola súa banda, Defensa reintegra á Comunidade de Montes de Salcedo a posesión do resto do monte que ata agora formaba parte do campo de manobras.
- Así mesmo procederase á permuta dunha superficie aproximada de 3,82 hectáreas propiedade do Estado por outra de igual superficie que linde co campo de manobras.
- Ademais Salcedo permitirá, sen custo adicional ningún, o uso por parte de Defensa do campo de tiro na súa configuración actual ata que se acondicione o novo no prazo máximo de ano e medio. Pola súa banda o Estado permitirá a explotación madeireira da zona do campo de manobras nos momentos e nas condicións que se determinen pola Xefatura da Base para cada caso.
FIGUEIRIDO
- A comunidade de montes de Figueirido cede a Defensa unha porción de monte de 6,36 hectáreas que actualmente forman parte da Base Militar, e outras tres superficies de 1,48 outra de 1,6 e a última de 2,30 hectáreas que forman parte do Campo de Manobras.
- Pola súa banda Defensa reintegra a esta comunidade de montes a posesión do resto da superficie.
VILABOA
- A comunidade de Montes de Vilaboa cede unha porción de monte en Castiñeiras de 15,89 hectáreas e outra de 1,48 que na súa maior parte se encontran no campo de manobras.
SAN XULIÁN
- A comunidade de montes de San Xulián cede ao Ministerio un total de 18,5 hectáreas para a súa incorporación ao campo de manobras.
Os comuneiros de Salcedo e Figueirido convocaron asembleas para o sábado para votar a proposta, mentres que Vilaboa o fará o domingo. San Xulián aínda non convocou.