
CC BY-NC-SA PontevedraViva
O Supremo rexeita o recurso de Defensa sobre a propiedade de montes de Vilaboa e Figueirido que ocupa a Brilat

Por Oskar Viéitez
O Tribunal Supremo rexeitou o recurso de casación interposto polo Avogado do Estado en representación do Ministerio de Defensa, pola titularidade de 154,4 hectáreas do monte veciñal de Vilaboa e outras 19,5 hectáreas do monte veciñal de Figueirido nos que se localiza unha parte da base militar General Morillo da Brilat.
O Alto Tribunal ratifica os fallos de dous xulgados de Pontevedra que sentenciaran a favor das comunidades de montes.
Como consecuencia desta resolución do Supremo as comunidades de montes de Vilaboa e Figueirido poderán cobrar, con carácter retroactivo dende xaneiro de 2014, un canon de 30.780 euros anuais no primeiro caso, e 19.296 euros no segundo, en virtude do mesmo convenio subscrito polas comunidades de montes de Salcedo e San Xulián.
Este convenio, subscrito polas comunidades de montes en xullo de 2014 co Ministerio de Defensa, supón que a comunidade de montes de Vilaboa lle cede á Brilat o uso de dúas parcelas do monte Castiñeira que suman 17 hectáreas, e que a de Figueirido cede outras catro parcelas por un total de 10,7 hectáreas, para albergar un campo de manobras a cambio dun canon anual de 0,18 euros por metro cadrado.
O convenio quedara "en suspenso" a expensas do ditame do Tribunal Supremo sobre o recurso de casación que presentara a Avogacía do Estado.