A Deputación colabora para que Mexillón de Galicia acredite o seu sistema de xestión de calidade
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou este mércores un convenio de colaboración co presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida 'Mexillón de Galicia', Mané Calvo, para a realización do proxecto de acreditación do sistema de xestión de calidade baixo a norma ISO/IEC 17065.
En virtude deste convenio a administración provincial achega case 22.000 euros para que a entidade realice os trámites e auditorías precisas para conseguir esa certificación e que o Consello Regulador acredite a calidade do seu produto e procesos ante a Entidade Nacional de Acreditación (ENAC).
A Enac fará un estudo profundo que identifique oportunidades de mellora. A primeira auditoría farase en setembro-outubro.
Carmela Silva sinalou que "falar de 'Mexillón de Galicia' é falar do sector primario. Unha actividade económica que xera moita riqueza, moito emprego ao longo de toda a costa", destacando especialmente que neste sector "as mulleres xogan un papel moi importante".
Concretamente, segundo os datos achegados neste acto, o sector mexilloeiro crea en Galicia máis de 13.000 postos de traballo e a provincia de Pontevedra aglutina o 71% das empresas comercializadoras.
A presidenta da Deputación afirmou que "dicir mexillón é dicir Galicia, pero tamén é dicir Provincia de Pontevedra porque nos referencia" e engadiu que "temos que presumir do ben que facemos as cousas e a calidade do noso mexillón é a mellor".
Neste sentido, Mané Calvo engadiu que "non hai nada máis galego que un mexillón" e apuntou que este é un sector "moi atomizado" no que "practicamente cada familia ten unha batea" e que xera un "importante" emprego indirecto.
Mané Calvo agradeceu o apoio da Deputación neste obxectivo de conseguir unha acreditación que espera que tamén signifique "unha maior unión do sector".
Ata o de agora o control da calidade do 'Mexillón de Galicia' con Denominación de Orixe Protexida era realizado polos técnicos de control e certificación do Consello Regulador, coa colaboración de Bureau Veritas.