Cadros de luces personalizados por parroquias e cun 75% menos consumo para o rural pontevedrés
Por Redacción
As parroquias do rural de Pontevedra súmanse á loita contra o cambio climático a través da mudanza da luminaria con tecnoloxía LED. Froito dunha colaboración entre o Concello e as empresas Pontevedresa e SETGA, vanse instalar nas distintas parroquias novos cadros de luces cunha estética mellorada, maior hermetismo de cara a fenómenos exteriores e unha imaxe personalizada para cada zona.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, achegouse este xoves ata un destes novos cadros de luces que están sendo instalados nas parroquias, ubicado no campo da festa de Marcón.
Ante un destes novos cadros de luces, Lores explicou que neste momento están a ser executadas actuacións en 12 das 15 parroquias pontevedresas. Faltan Lérez, Salcedo e Tomeza e na primeira tamén se acometerá a actuación de xeito inmediato.
En total, vanse instalar preto de 10.000 luminarias LED, das que 7.500 xa están postas e xa supoñen un aforro enerxético dun 75 % no consumo. Isto implica unha emisión menor de CO2 á atmosfera, nunhas cifras "realmente importantes", que, segundo Loes, "podería equivaler de xeito práctico á plantación de miles de árbores na procura de corrixir ese efecto invernadoiro".
A mudanza destas luces abre a porta a aforrar 370.000 euros anuais no recibo de electricidade do alumeado e, ademais, a luz que prestan estas luminarias "é mellor, polo que xera unha calidade de vida mellor", segundo sinalou o alcalde.
Estes novos cadros de luz parten dunha mellora realizada pola empresa SETGA que deriva na instalación dos novos elementos, moito máis modernos, estéticos, seguros e con maior durabilidade. Posúen un maior hermetismo, unha notable mimetización coa contorna e están personalizados para cada parroquia do rural.
Cada un destes novos cadros amosará unha imaxe dun dos puntos máis chamativos e emblemáticos de cada parroquia. No caso de Marcón, por exemplo, amosa un dos espazos da Fracha e tamén están instalados nas parroquias de Verducido, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve e Mourente.
O Concello de Pontevedra presume de ser un dos concellos máis avanzados neste eido, pois este cambio tamén se realizou en todas as vías de entrada á cidade, no barrio de Monte Porreiro e, neste ano, vaise actuar en todo o sur da cidade.
Relacionadas:
-
A renovación da iluminación pública da zona sur comezará por Campolongo
Por Alejandro Espiño |
-
A nova iluminación led de Cerponzóns, Campañó e Alba permitirá aforrar 187.000 euros ao ano
Por Redacción |
-
Conde pide ao Goberno que as medidas de aforro enerxético queden reducidas a "recomendacións" no sector privado
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |