Conde pide ao Goberno que as medidas de aforro enerxético queden reducidas a "recomendacións" no sector privado
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, visitaba este venres Pontevedra para inaugurar a xornada sobre comunidades enerxéticas e autoconsumo organizada pola Clúster industrial de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) no auditorio de Afundación.
Alí facía unha petición ao Goberno central para que o real decreto que regula o plan de medidas obrigatorias de aforro e eficiencia enerxéticas pase a converterse en "recomendacións" para o sector privado. Reclama ao executivo de Pedro Sánchez que sexa sensible coas familias, pequenas e medianas empresas e industrias ao entender que están a atravesar por moitas dificultades.
Sinala que é necesaria unha modificación do real decreto para desenvolver un esforzo conxunto das administracións e do sector privado para abordar investimentos en eficiencia enerxética coa intención de garantir o aforro no consumo de gas e tamén establecer un prezo eléctrico competitivo tanto para as empresas como para as familias.
Pola contra, sinalou Conde, prodúcese unha perda de competitividade da industria e do poder adquisitivo das familias. "Hai que corrixir esa tendencia", explicou o vicepresidente primeiro, reclamando un prezo eléctrico competitivo e medidas que garantan o aforro enerxético.
O representante autonómico afirmou que, desde o ano 2011, a Xunta traballa en plans de aforro e eficiencia enerxética na administración pública, que supuxo unha cifra de 135 millóns de euros de investimentos e contratación centralizada para o aforro de máis de 60 millóns de euros á cidadanía galega a través de 1.600 centros de consumo da administración.
Estes esforzos, engadiu Conde, súmanse agora aos do conxunto da Unión Europea e de España para actuar fronte ao plan de continxencia derivado do conflito entre Rusia e Ucraína. Indicou tamén que existe unha demanda en aumento de sistemas de autoconsumo por parte do sector privado.
Avoga por facilitar fondos europeos para que se fagan investimentos nestas propostas impulsando comunidades enerxéticas desde o punto de vista empresarial, facilitando ás pequenas e medianas empresas un prezo competitivo. Neste sentido, apuntaba que a xornada que este venres se celebra en Pontevedra permite establecer as bases para crear sistemas que faciliten a accesibilidade do sector industrial e empresarial a estas axudas e investimentos.
SITUACIÓN DE ENCE
O vicepresidente primeiro tamén se referiu á situación de Ence, que se atopa en ERTE durante este verán, debido á seca. Expuxo que hai que garantir de maneira máis eficiente o uso da auga con investimentos en tecnoloxía que permita reducir e reciclar esa utilización dos recursos hídricos. "Seguiremos traballando para garantir o abastecemento desde o punto de vista das cidades e tamén o empresarial", argumentou Conde insistindo en que a prioridade se atopa no consumo cidadán.
Tamén asegurou que Ence permanece traballando na mesma liña respecto ao proxecto previsto nas Pontes. Indica que a empresa debe desenvolver os traballos de enxeñería para iniciar a tramitación administrativa.
O conselleiro sostén que a entidade segue cumprindo o compromiso de manter un proxecto importante para completar o ciclo que desenvolve desde a fábrica de Lourizán con produtos que poidan posicionar a Galicia coa fabricación, ademais de celulosa, de elementos relacionados coa embalaxe, o packgagin, o cartón e o papel.