Campelo, punto de partida para os obradoiros infantís itinerantes
Por Redacción
O Concello de Poio pon en marcha os Talleres na Rúa, unha proposta gratuíta pensada para rapaces menores de 12 anos e que ten un carácter itinerante, xa que as sesións teñen lugar cada semana nun emprazamento distinto do municipio.
Neste taller os nenos teñen a ocasión de realizar diferentes deseños e elaborando bonecos e elementos de decoración mediante o uso de material de refugallo.
Ademais de ofrecer á veciñanza unha fórmula de lecer máis para a rapazada que está de vacacións no verán, tamén se busca conciencialos sobre a importancia da reciclaxe, ao mesmo tempo que se poñen en valor os espazos abertos, praias e lugares públicos do municipio.
A primeira sesión dos Talleres na Rúa será o vindeiro martes, 12 de xullo na Praza da Granxa de Campelo, onde haberá unha segunda convocatoria para o mércores. O martes 19 e mércores 20 de xullo o emprazamento será a Praza de Vilariño, mentres que o día 26 trasladarase á praia de Lourido.
Con respecto ao mes de agosto, o martes 2 e o mércores 3 a Concellería de Mocidade ofrecerá a actividade na Praza Romay Besada de Sameira. Unha semana máis tarde (8 e 9) será a quenda da Praza da Chousa de Combarro. Pecharase o ciclo os días 23 e 24 de agosto na praia de Raxó.
Todas as sesións terán lugar a partires das 11.00 horas, a excepción da de Lourido o 26 de xullo, que será en horario de tarde.
Non é preciso realizar inscrición previa.