Abertas as inscricións para as visitas teatralizadas á Casa Museo e ao Bosque de Colón
Por Redacción
O Concello de Poio informa da apertura do prazo de inscrición para as 90 prazas que se poñen a disposición da cidadanía para participar nas visitas teatralizadas á Casa Museo e ao Bosque de Colón.
Trátase dunha actividade gratuíta que será levada a cabo por Leoucoíña Pasea e que está impulsada polos departamentos de Turismo e Pesca e Marisqueo.
Cada unha das sesións, que serán de 90 minutos de duración, contará con 15 prazas, que se poderán solicitar enviando un correo electrónico a turismo@concellopoio.org, no que deberán indicar o nome, apelidos, idade das persoas interesadas, así como a data seleccionada e un teléfono de contacto. Tamén é posible obter máis información chamando aos teléfonos 986770001 (extensións 1312 ou 1315) ou 986833204.
Esta actividade está pensada para un público familiar e recomendada para crianzas maiores de 6 anos.
As primeiras sesións serán a vindeira semana, os días 20 e 21 de xullo, no Bosque de Colón, ás 20.30 horas. Tamén haberá unha visita teatralizada a este espazo, en terreos da Comunidade de Montes de San Xoán, o 1 de setembro, ás 19.00 horas.
Con respecto ás visitas teatralizadas na Casa Museo de Portosanto, estas terán lugar en horario de mañá, a partir das 11.30 horas, os días 18, 19 e 20 de agosto.
CENTRO GALEGO DE MARACAIBO
Por outra banda, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, recibiu este luns aos integrantes do Grupo de Danzas e Alboradas 'Anduriñas', do Centro Galego de Maracaibo, en Venezuela, que estes días atópanse visitando Galicia para participar en diferentes actos que se desenvolven en Santiago con motivo do Ano Xacobeo.
Aproveitando a súa estancia no país, esta expedición achegouse a Poio para coñecer o mosteiro e o núcleo de Combarro, onde levaron a cabo unha presentación dos seus bailes e cantos.
O alcalde agradeceu a súa visita e o seu interese no noso municipio e fíxolles entrega de varios agasallos: libros do Concello, unha guía de Combarro, unha bandeira de Galicia e outra de Poio e pulseiras conmemorativas polo 50 aniversario do conxunto histórico de Combarro.
Relacionadas:
-
A Casa Museo de Colón ofrece obradoiros sobre historia e cultura
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Dous paseos polo Bosque de Colón abren as visitas teatralizadas en Poio
Por Redacción |
-
As praias de Baltar e Lourido prepáranse para o 'Verán Deportivo'
Por Redacción |
-
Campelo, punto de partida para os obradoiros infantís itinerantes
Por Redacción |
-
A Señora de Palmírez guiará as visitas teatralizadas estivais por Pontevedra
Por Redacción |
-
Boias para reforzar a seguridade da praia do Lérez, na que "as correntes poden ser perigosas"
Por Redacción |
-
Turismo de Pontevedra retoma as súas visitas teatralizadas
Por Redacción |