A CIG denuncia a violencia de xénero no traballo con discriminación cara as mulleres
Por Redacción
Representantes da central sindical CIG concentráronse na denominada Praza 8 de marzo situada no cruce entre Peregrina e Daniel de la Sota para denunciar a violencia de xénero, sobre todo no ámbito laboral.
Arredor de medio cento de persoas, entre as que se atopaban os concelleiros do BNG, Carmen Fouces e Luis Bará, secundaron este acto reivindicativo tras unha pancarta na que se lía: "Fronte unha violencia sexista, unha resposta activista, subversiva e feminista".
Segundo expresan dende a central nacionalista, o mundo do traballo ofrece un panorama discriminatorio cara as mulleres ao obstaculizar o seu acceso ao emprego, á contratación, ao ascenso ou a permanencia no posto de traballo, cando dende as empresas se lles esixen requisitos relacionados coa idade, a apariencia física ou co estado civil, a maternidade ou con outras responsabilidades familiares. Sinalan, ademais, que as mulleres se lles paga un salario inferior por establecer categorías feminizadas aplicando complementos salariais e incentivos diferenciados.