O Día internacional contra a violencia de xénero acolle numerosos actos de sensibilización
Por Redacción
O Día contra a Violencia Machista chega este 25 de novembro cargado de actos cos que se quere, dende distintos colectivos, sensibilizar os cidadáns sobre as distintas formas de violencia que se exerce contra as mulleres. Na provincia de Pontevedra, 353 mulleres precisan de medidas de protección por parte da Xunta de Galicia ante a ameaza de sufrir malos tratos por parte das súas ex parellas.
Nesta xornada, o sindicato CIG vai realizar ás 12.00 horas unha concentración na denominada Praza do 8 de marzo, na confluencia entre Peregrina e Daniel de la Sota. Este sindicato sinala que seguen producíndose situacións de violencia non só física senón sexual, psicolóxica e económica. Dende esta central sinalan que no mundo do traballo se aprecia unha extrema desigualdade relacionada co xénero.
Tamén UGT alerta de que só no mes de outubro o servizo telefónico de información en materia de violencia de xénero (016) rexistrou en Pontevedra 68 chamadas, converténdose na provincia galega na que máis se recorreu a este servizo. O ano pasado rexistráranse 41 chamadas nese mesmo mes.
Dende Cruz Vermella Xuventude de Pontevedra tamén se realiza unha campaña de sensibilización durante a xornada deste 25 de novembro con dous talleres sobre coeducación no CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra e no Colexio Domingo Fontán de Portas.
En Vilagarcía, o Concello convoca unha concentración tamén este mediodía na Praza de Ravella. Alí procederase á lectura dun manifesto elaborado polo Conselo local dá Mullere. Ademais Carrapuchiña Vermella e o lobo feroz protagonizan a campaña de sensibilización para animar as vítimas de malos tratos a buscar axuda e denunciar as situacións de violencia.
Tamén en Sanxenxo ao mediodía, a alcaldesa Catalina González presidirá xunto coa responsable da Asociación Mulleres en Igualdade de Sanxenxo, Alejandra Lamas, un acto simbólico conmemorativo.
En Marín, ás 12.00 horas o Subdelegado do Goberno, Antonio Coello, asiste aos actos que se desenvolven no Concello.
En Pontevedra, o principal acto desenvolverase ás 18.30 horas na Praza 8 de marzo cun acto no que participarán diferentes colectivos. Trátase dunha concentración cunha proposta audiovisual que intenta mostrar aos paseantes diferentes sensacións sobre a violencia contra a muller.
Ao longo da semana, o CIFP A Xunqueira de Pontevedra desenvolve as I Xornadas de Educación, Sexualidade e Violencia de Xénero nas que se pretende informar aos alumnos e alumnas do centro sobre a xestión da agresividade.
Relacionadas:
-
Susto en Paxariñas polas dificultades para localizar unha vítima de violencia de xénero
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra ten 306 vítimas de violencia de xénero con protección policial activa
Por Natalia Puga |
-
A CIG denuncia a violencia de xénero no traballo con discriminación cara as mulleres
Por Redacción |