Lores, sobre o proxecto de ENCE en As Pontes: "Dicían que non había onde e parece ser que si había"

Por Alejandro Espiño
O anuncio do novo proxecto empresarial que Ence pretende impulsar en Galicia, unha planta de biocombustibles e papel tisú nas Pontes (A Coruña) na que prevén investir uns 350 millóns, volveu a axitar ás voces que sosteñen a viabilidade do traslado da factoría de Lourizán.
"Dicían que non había onde e parece ser que si había", sinalou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que se remitiu á postura da compañía pasteira que segue insistindo en que non hai terreos para un cambio de localización para a súa planta de celulosa.
Fernández Lores, que sinalou que "alegrámonos moitísimo" deste cambio de parecer, defendeu que "de paso que fan unha de papel tisú poden levar a fábrica para alí ou para outro sitio", o que entende que "sería o mellor" para a continuidade dos postos de traballo.
O rexedor entende que "outra cousa é que Ence queira ou non queira trasladarse de Lourizán, que creo que non quere", pero sostén que este paso dado pola compañía fai albiscar unha "posibilidade certa de traslado" pola que seguirá loitando o Concello de Pontevedra.
En todo caso, o alcalde pontevedrés reitera que a Xunta é quen ten as competencias en polígonos industriais e ordenación do territorio polo que lles pide "que se mollen" e traballen nesa dirección "e non sigan empeñados en saltarse a lexislación e as súas propias directrices".
"PARECE QUE A EMPRESA TEN VONTADE E CARTOS PARA FACER COUSAS"
Nesta mesma liña, o tenente de alcalde, Tino Fernández, asegura que "sería bo" aproveitar esta oportunidade que se abre "para buscar unha solución definitiva" para a fábrica de Lourizán, na que involucra á empresa, á Xunta e ao Ministerio para a Transición Ecolóxica.
O portavoz socialista solicita a estas tres partes "que se poñan un pouco as pilas" para resolver esta cuestión "canto antes", porque "levamos meses dando voltas e isto non parece avanzar, uns porque fan pouco e outros porque non fan nada e están a torpedear"
"É o momento de que tomemos isto en serio, máxime cando a empresa parece que ten vontade e cartos para facer cousas", sentenciou Fernández, para quen o proxecto de Ence nas Pontes "ven a desmentir esa teoría de Ence de que era imposible reubicala noutro sitio".
Relacionadas:
-
ENCE e a Xunta presentan nas Pontes o proxecto de papel tisú como "complementario" da factoría de Lourizán
Por Anxo Lourido |
-
A Xunta e Ence coinciden en situar a factoría de Lourizán como "pedra angular" do proxecto de tisú nas Pontes
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O alcalde das Pontes mostra os "brazos abertos" a Ence e avanza "todas as facilidades" para a súa instalación
Por Oskar Viéitez |
-
Ence: "en ningún caso debe confundirse" o novo proxecto das Pontes coa "imposible recolocación" de Lourizán
Por Redacción |
-
ENCE quere instalar unha planta de biocombustibles e papel tisú en As Pontes
Por Oskar Viéitez |