Unha gran carpa garantizará a celebración da Festa do Mar
Por Redacción
Unha gran carpa e casetas cubertas están xa instaladas no porto de San Adrián de Cobres para garantir que a Festa do Mar se poida desenvolver con normalidade en caso de que persista o tempo chuvioso durante toda a fin de semana.
Tanto as degustacións dos produtos do mar, como as catas e as actividades culturais e musicais programa para os dous días que durará a Festa, 25 e 26 de xuño, se realizarán ao abrigo da carpa, incluido o concerto previsto para este sábado ás 21.30 horas co que a Escola de Música de Vilaboa celebra o seu X aniversario.
Sobre o escenario a banda interpretará diversos temas coñecidos xunto a Paco Lodeiro, Rosa Cedrón, e Miguel Ladrón.
O cartel musical complétase con Terapia de Grupo, na xornada do sábado e o grupo de gaitas "Aires de Cobres", que se encargará dos pasacalles o domingo.
A programación da Festa inclúe un obradoiro de esmaltado ao lume sobre metal impartido pola ourivre local Pilar Blanco, que cubriu as dez prazas ofertadas en apenas dúas horas.
A longo desta semana as mariscadoras de Vilaboa e o sector bateeiro encargaronse da extracción de produto, e do necesario proceso de depuración, para que os restaurantes teñan a partir de hoxe a materia prima a súa disposición tanto para elaborar os pratos cos que van participar na cata como as racións que se poderán degustar na carpa.
Restaurante Mauro, Casa Aurelia, A Garboa e A Casa de Rosa de Mazaroca prepararán arroz con choco na súa tinta, empanada de choquiños, empanada de millo de chocos, mexillóns ao vapor ou en escabeche para participar no concurso/ cata organizado polo Concello coa colaboración da Escola de Hostalaría de Pontevedra e que poñerá a proba a creatividade da cociña local.
Estes mesmos produtos, en forma de tapas poderán ser degustados por os que se acheguen ao longo da fin de semana á zona portuaria. Así, degustar mexillón terá un coste de 3,5 euros; as de chocos a 5 e as ameixas a 6 euros. As mareas dos últimos días impediron que o sector poidera extraer longueirón, polo que este produto non estará na carta.
Tanto o alcalde de Vilaboa, César Poza, como a concelleira de Dinamización Económica, Carmen Gallego apuntan que a Festa do Mar busca "poñer en valor o local, o propio, e aqueles oficios que por unha ou outra razón se viron moi afectados pola crise sanitaria". Por elo, o goberno local considera que é o momento de converter tanto ao sector como aos produtos do mar no centro dun evento lúdico, festivo, de ocio pero tamén de recoñecemento público.
Dende o goberno local convidan a todos os veciños da contorna a achegarse ata o peirao de San Adrián o este fin de semana, dende as 11 horas ata as 24 horas o sábado 25 de xuño, cun descanso entre as 16:00 e as 19:00 horas e dende as 11:00 horas ata as 16:00 horas do domingo 26 de xuño ou ata agotar existencias.
"Estamos convencidos de que esta festa non vai defraudar a ninguén", apunta César Poza, que recorda que ademáis da parte gastronómica a Festa contará cunha parte lúdica, musical e cultural que completará a homenaxe á xente do mar.