A iniciativa "Future Stories" impulsará a carreira profesional dos novos titulados en Belas Artes
Por Redacción
O acordo asinado no ano 2021 entre a Universidade de Vigo e a promotora da exposición Peter Lindbergh: Untold Stories, Marta Ortega Pérez, traduciuse nun convenio destinado a promover a arte emerxente en Galicia a través de Future Stories, proxecto ao que se destinarían os ingresos xerados por esta exposición a través da venda de merchandising e das achegas dos visitantes.
Despois de que a mostra dedicada ao fotógrafo recibise máis de 110.000 visitantes, Future Stories permitirá outorgar ao alumnado da facultade ata dez bolsas de 4000 euros para o desenvolvemento dun proxecto artístico a partir dos seus Traballos de Fin de Grao. Os resultados finais reuniranse nunha mostra que terá lugar nun “espazo expositivo de referencia”, como recolle a convocatoria destas axudas.
Ata o 30 de xuño dispón de prazo o alumnado para presentar os seus proxectos a unha convocatoria que este martes facía pública a súa imaxe gráfica e á que poden concorrer os estudantes da Belas Artes matriculados no TFG no presente curso.
O proxecto Future Stories busca “impulsar e promover as carreiras dos estudantes de último ano do grao en Belas Artes”, centrándose nos seus traballos finais, que constitúen “o proxecto individual máis persoal do estudantado e tamén o último elo académico previo á súa vida profesional”.
“Que a presidenta dunha das compañías galegas con maior proxección mundial se fixe en nós e aposte decididamente por nós, polo noso alumnado, é unha nova que prestixia á facultade”, salienta o decano, Xosé Manuel Buxán.
Relacionadas:
-
Xosé Manuel Buxán, único candidato a decano de Belas Artes
Por Redacción |
-
A Xunta e a Universidade de Vigo acordan o uso conxunto de varias instalacións en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Universidade abre para toda a cidadanía o prazo de inscrición a cinco cursos de verán
Por Redacción |
-
Expertos europeos e xaponeses analizan desde Pontevedra a evolución da banda deseñada na era dixital
Por Redacción |
-
Apoio maioritario do campus de Pontevedra a Manuel Reigosa, que seguirá como reitor
Por Redacción |
-
Belas Artes cumpre a última vontade do profesor Roselló
Por Mónica Patxot & María José Pita |