Comeza o operativo de roza e limpeza no anel periurbano de Pontevedra e nas quince parroquias do rural
Por Redacción
O Concello de Pontevedra inicia este luns o "zafarrancho de rozas e limpeza" das zonas periurbanas e do rural que se realizan anualmente coa chegada do verán. Nesta ocasión comezarán pola parroquia de Lourizán.
O obxectivo é manter os núcleos de centralidade parroquial, torreiros das festas, vías e camiños municipais, zonas verdes... en bo estado para que os veciños de Pontevedra os poidan empregar con seguridade e confianza nos vindeiros meses.
A Concellaría de xestión de residuos e limpeza urbana que dirixe Raimundo González, planificou estas actuacións "garantindo os mellores resultados e buscando o máximo rendemento dos recursos logo das chuvias do inverno e da primavera" que fixeron crecer considerablemente a maleza e a herba das beiravías das estradas e camiños municipais, así como as dos espazos de centralidade ou a dos torreiros das festas.
Os traballos consistirán, polo tanto, na roza desa herba e desa maleza, na retirada de entullos, limpeza de beiravías e de canalizacións de pluviais que poidan estar tapadas por terra durante o inverno.
Ao respecto das rozas nas parroquias do rural está previsto que comecen este luns pola parroquia de Lourizán e que logo se trasladen a Ponte Sampaio. Logo de rematar co sur do concello, continuarán polas parroquias do norte como Campañó, Alba, Lérez, Cerponzóns, Verducido, Santa María e Santo André de Xeve, Bora, Mourente, Marcón, Tomeza, Salcedo e Canicouva.
Neste zafarrancho participarán catro operarios e dous tractores. Dúas persoas encargaranse de facer rozas a man nos lugares nos que non se poida empregar maquinaria de gran tamaño, de soprar e recoller os restos das cortas dos lugares. A intención do Concello é que estes traballos estean rematados ao longo do verán.
ANEL PERIMETRAL
Tamén a partir do luns, outro equipo comezará as rozas e limpezas no anel perimetral da cidade. Cun tractor, sopradora e roza e recollida a man, traballarase en espazos como o Camiño vello de Castela, a avenida de Montecelo (dende a rotonda da avenida de Lugo até San Amaro), avenida da Seca, avenida de Lugo, Pedra do Lagarto e Pintor Laxeiro nas zonas máis afastadas do centro urbano, a avenida de Marín, Conde Bugallal, na rolda de Lérez, dende a ponte das Palabras até a rotonda de Médico Ballina; a saída á Ruibal ou o acceso a Ponte Muíños.
Relacionadas:
-
Prohibido estacionar na desembocadura do Gafos a partir da tarde do mércores por tarefas de limpeza
Por Redacción |
-
Operación de limpeza no lateral dos edificios da avenida das Corbaceiras
Por Redacción |
-
Restricións de aparcamento na Parda para facilitar unha mobilización de limpeza
Por Redacción |
-
Operación de limpeza na avenida de Bos Aires
Por Redacción |
-
Anuncian unha batida de limpeza e roza na ampliación da pasarela en 12 de Novembro
Por Redacción |